Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A tecnoloxía pode servir de altofalante a colectivos desfavorecidos pero tamén aumentar o seu illamento


  • Aínda hai moitos grupos de cidadáns que non están incluídos na sociedade dixital.

  • A colectivos como persoas cegas ou xordas, as TIC lles outorgaron unha "autonomía sen precedentes".

  • Dispositivos como as tabletas supoñen para as persoas maiores "unha tecnoloxía usable e moi amigable". 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/06/13 (12:40)

As novas tecnoloxías son unha ferramenta eficaz para promover a participación cidadá de sectores en risco, como persoas con algún tipo de minusvalidez ou maiores, pero, ao mesmo tempo, poden aumentar o seu illamento se esas tecnoloxías non son accesibles para todos. É unha das principais conclusións do Almorzo Sectorial organizado por Fundación Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) titulado 'Novas formas de participación cidadá na Sociedade Dixital'.


En palabras de Roberto Aparici, director do Máster 'Comunicación e Educación na Rede' e codirector do título propio da UNED 'Redes Sociais e Aprendizaxe Dixital', as tecnoloxías propiciaron novas formas de participación que supuxeron un "empoderamiento da cidadanía". Dende 2004 produciuse un "punto de inflexión" no modelo de comunicación. "Grazas á tecnoloxía 2.0 agora todos somos xeradores e difusores de contidos", concretou. 


Avance frenético das TIC


Para o profesor da UNED "a accesibilidade ten que formar parte do día a día dos cidadáns". Non obstante, lamentou que as actuais leis de educación sexan "máis do mesmo" e formulen un escenario tecnolóxico e educativo "máis propio do século pasado". "As novas formas de protesta danse agora na rede", indicou Aparici. Así mesmo, a rapidez coa que avanzan as TIC obriga ao cidadán a "reciclarse continuamente". "Neste momento estamos obrigados a formarnos ata o final dos nosos días", sentenciou.


Nesa mesma liña José Manuel Azorín, experto en TIC social, definiu esa rapidez como "unha guerra frenética de desenvolvemento imparable" que deriva nunha "falta de liberdade". Segundo o experto, hai aínda moitos grupos de cidadáns que non están incluídos na sociedade dixital.


Ademais segundo o experto, "a industria non sempre se mostrou sensible con eses colectivos desfavorecidos". Aínda así, a colectivos como persoas cegas ou xordas, as TIC lles outorgaron unha "autonomía sen precedentes". Ao mesmo tempo dispositivos como as tabletas supoñen para as persoas maiores "unha tecnoloxía usable e moi amigable".


Pola súa banda, Bernardo Bienz, director de Canle Empresarial, apuntou que o problema non é que as persoas maiores non estean interesadas en internet senón que hai un descoñecemento sobre "realmente o que hai detrás". "O importante é ter acceso e que descubran a utilidade das ferramentas", sinalou Bienz. A medida que vaian vendo que as tecnoloxías resolven as súas necesidades, irán usándoas. "O colectivo sénior ten moito que dicir e debería ser consultado en cuestións de participación", precisou. 


Fenda dixital e barreira económica


Nese sentido, Alejandra Salmerón, experta de Proxectos de I+D TIC apuntou que é necesario fomentar un uso "axeitado" das tecnoloxías da información para que busquen o "ben global". En relación a esta afirmación, Salmerón criticou que a lei non axilizará os seus procesos para ir da man da industria. "A lei obriga á accesibilidade, en teoría está moi ben pero na práctica o cidadán está indefenso", estimou. Por iso apostou por incluír o usuario no modelo de negocio. "A accesibilidade non é máis cara se se ten en conta dende o principio e ademais fai os produtos máis competitivos", puntualizou a experta en I+D TIC.


No que se refire á fenda dixital, Salmerón falou non só dunha barreira física senón tamén de "acceso á información e que esta sexa comprensible por todos". Así mesmo considera que existe unha "barreira económica" porque moitos produtos e tecnoloxías debido ao seu prezo non son accesibles para todos os colectivos. Aínda así recoñeceu que estamos en "unha fase de transición" xa que un uns anos "todos seremos nativos dixitais. Por iso "o Estado e as empresas deben poñerse as pilas para garantir o acceso á tecnoloxía", finalizou. 

Tema: Xeral
Fonte: Discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal