Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

A Fundación ONCE leva a tecnoloxía accesible a Startup Olé

Versión para impresiónSend by email
Salamanca, 08/09/21 (08:34)

Tres das startups que compoñen actualmente a aceleradora 'espacIA' da Fundación ONCE estarán presentes na sétima edición de Startup Olé, que terá lugar entre os días 6 e 10 de setembro. Nesta ocasión, a primeira vez que se celebra despois da declaración do Estado de Alarma na loita contra a Covid 19, terá lugar tanto de forma virtual como presencial na cidade de Salamanca .

En concreto, os participantes poderán coñecer os proxectos de tecnoloxía accesible desenvolvidos pola startup murciana de BemyVega, a aplicación Park4dis e a iniciativa de impresión 3D de Supergiz.

BemyVega é un sistema de gravación, retransmisión e seguimento de presentacións, clases, congresos ou eventos que facilita o acceso á información que se imparte nestes actos. Con este equipo, certas persoas con discapacidade visual ou auditiva poden ter acceso completo en tempo real a toda a información necesaria para o seguimento da sesión.

Pola súa banda, Park4dis nace como solución ás dificultades que atopan as persoas con mobilidade reducida en España cando se desprazan en coche. Trátase dunha única plataforma (Web e App) que agrupa información sobre a localización de máis de 23.000 prazas para persoas con discapacidade e a normativa aplicable en máis de 60 municipios, normativa que adoita diferir duns municipios a outros.

Por último, Supergiz é un proxecto deseñado e producido por Autofabricantes. Trátase dun sistema de prótese pensado inicialmente para nenos coa ausencia ou certas parálises de man ou parte do brazo, aínda que actualmente está a ser utilizado tamén por adultos. Consta dunha peza principal feita a medida que contén uns enganches para axustar distintos dispositivos que facilitan actividades concretas como nadar, xogar ao tenis ou tocar a guitarra. Trátase dun proxecto de código aberto e fabricado en impresión 3D.

A participación da Fundación ONCE nesta edición de Startup Olé complétase coa intervención de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, na mesa redonda 'International Funds/ Startups and Funds, Open Innovation and Entrepreneurial Capital as a Dynamizer of the Economy'. A mesa encádrase dentro da iniciativa europea Rural European Innovative Area, unha plataforma de intercambio de coñecemento que pretende reducir a fenda entre as cidades e o ámbito rural.

Startup Olé 2021

Startup Olé, celebrarase do 6 ao 10 setembro e é un dos maiores eventos de tecnoloxía  empresarial en Europa. O apoio da Comisión Europea-Startup Europe, o Sistema de Integración Centroamericana (SICA), a Universidade de Salamanca e o Concello de Salamanca converteron a Startup Olé nun evento de referencia e un motor da democratización do ecosistema tecnolóxico-empresarial internacional.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal