Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da web Retorna Dixital.

Emigración achega ao talento galego no exterior un servizo de emprego no sector TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 02/09/21 (08:42)

A galeguidade no exterior vai contar cun novo recurso do que botar man para atopar un posto de traballo no ámbito das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do portal Retorna Dixital, que a partir deste 2 de setembro dará servizo a quen resida fóra de Galicia e precise un emprego no dito sector. Tamén poderá ser usado polas empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) que necesiten persoal especializado neste ámbito. Quen precise tirar proveito deste novo espazo, pode acceder a el a través do portal GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta ferramenta, segundo informa Emigración, pretende atender as necesidades de profesionais das empresas galegas do sector TIC co talento das persoas de Galicia do exterior que retornaron ou están pensando en retornar e que atoparán nesta iniciativa unha oportunidade para comezar unha carreira profesional na súa terra de orixe.

O portal ten como obxectivo “o de atraer talento dixital cara a nosa terra, co fin de contribuír a pechar a fenda entre a dispoñibilidade de habilidades e a demanda do sector tecnolóxico galego”. Con esta finalidade, xunta “nun único espazo” a oferta de emprego neste eido así como información sobre as empresas TIC, que estará a disposición de calquera persoa de Galicia retornada ou residente no exterior con interese en retornar. Ao respecto das orixes deste servizo, Emigración lembra que entre 2015 e 2020, o emprego no ámbito das novas ferramentas dixitais en Galicia medrou un 23,3 por cento e, “de seguir a evolución actual”, creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos cinco anos, segundo os datos do informe Talento Dixital: Estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA). No estudo engádese que “tres de cada catro empresas tecnolóxicas galegas indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren este tipo de titulacións”.

Na actualidade, o portal de Galicia Retorna Dixital, ao que se pode acceder no enlace conta xa con 21 ofertas de emprego, así como con 13 empresas adheridas e 40 na base de datos. Para participar, as empresas poden facilitar os seus datos na sección Adhesións e logo deberán aportar a información que se lle solicitará sobre traxectoria, organización, servizos, ofertas de emprego, etc.

Pode participar no programa calquera empresa do sector TIC con sede en Galicia, que se comprometerá a manter os seus datos actualizados para manter o directorio ao día. Ademais, as empresas adheridas comunicarán os cambios relativos ás súas ofertas de emprego para ofrecer unha imaxe real dos súas necesidades de perfís dixitais en cada momento. A iniciativa forma parte do programa Galicia Retorna, da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal