O Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar que dirixe Olga López, achegará nos meses de agosto e setembro catro obradoiros para favorecer a integración de mulleres con diversidades funcionais ou motrices. As actividades, que veñen da man da organización ACADAR (e contan coa colaboración de Benestar de Lugo), englóbanse baixo o epígrafe Emprego e saúde a través do empoderamento. Un dos seus piares básicos serán as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación como ferramentas para lograr unha vida máis plena, avanzar en integración e, por suposto, en empregabilidade.
Realizaranse catro obradoiros nos que se traballará a sexualidade feminina, o manexo das TIC (Tecnoloxía da Información e Comunicación), as habilidades de comunicación e a autoestima e autoconcepto. Os obradoiros serán de 10.00h a 13.00h, os días 23, 25 e 30 de agosto e no mes de setembro, no mesmo horario os días 1, 6, 8, 13 e 15, en dúas quendas, os luns e mércores.
ACADAR foi constituída no 2009 por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade de Galicia. É unha entidade que carece expresamente de ánimo de lucro e que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa plena integración e participación en tódolos ámbitos da sociedade.
Rexístrate como: