Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no campamento.

Un campamento para que elas deixen de ser só o 12% do alumnado de Enxeñaría Informática

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 29/06/21 (10:34)
  • 25 rapazas asisten no campus a unha actividade do proxecto Mática
  • Do 28 ao 30 de xuño participan en talleres, charlas e visitas

Menos dun 20% do alumnado de informática son mulleres. Concretamente, na Universidade de Vigo, as mulleres só constitúen un 12% do alumnado que este curso se matriculou no seu Grao de Enxeñaría Informática. Co obxectivo de contribuír a contrarrestar esta fenda de xénero á hora de elixir carreiras TIC, do 28 ao 30 de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle un campamento tecnolóxico para rapazas. A iniciativa ten lugar nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Amtega.

Cambiar o mundo desde o tecnolóxico

Na inauguración telemática do campamento nos tres campus galegos onde se celebra, Fernando Suárez, decano do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, fixo fincapé na importancia de que as rapazas sexan “conscientes do impacto que ten a tecnoloxía na sociedade e na vida das persoas” e de que coñezan o papel de mulleres destacadas na historia da informática co obxectivo de rachar esa falta de mulleres nos estudos TIC. “Necesitamos talento feminino, rapazas coma vós, para construír un futuro mellor, máis equilibrado, máis xusto”, díxolle ás asistentes na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, na Facultade de Informática da Coruña e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, Mar Pereira, directora de Amtega, amosou nesta inauguración o seu desexo de que “o talento feminino empece a despuntar e a ter cada vez máis interese na tecnoloxía”, afirmando como “este campamento pode contribuír a crear esa rede de mulleres tecnólogas en Galicia desde os seus comezos, desde que as rapazas teñen que decidir os seus estudos”. A responsable institucional recalcou como a tecnoloxía implica a todos os sectores e “nesta revolución tecnolóxica na que estamos loxicamente as mulleres temos que estar aí” pois, subliñou, “se nalgún sitio é bo estar para cambiar o mundo é este, o sector tecnolóxico”.

Tomando exemplo e creando comunidade

O campamento en Ourense, gratuíto, desenvólvese desde este luns e ata o xoves en horario de 9.30 a 14.30 horas nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, participando rapazas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de diferentes centros educativos da cidade. O programa de actividades inclúe talleres de carácter divulgativo e de iniciación á intelixencia artificial, programación móbil, robótica e pensamento computacional. Ademais terán lugar charlas sobre a profesión de enxeñería informática e algunha visita relacionada, concretamente ás empresas Redegal e Viewnext. As actividades están adaptadas á idade das participantes e impartidas profesoras do centro, por profesionais do sector e tamén por alumnas do Grao de Enxeñaría Informática, co obxectivo de que as rapazas “vexan como si hai mulleres estudando ou traballando neste sector e poidan ter referentes concretos e reais que as inspiren”, tal e como sinala Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Destacando a boa acollida que tivo a iniciativa, Francisco Javier Rodríguez indica que “a nosa idea con estes campamentos é facer comunidade, que as rapazas vexan que hai máis rapazas interesadas, que poidan colaborar entre elas e que vexan referentes femininos”. Neste senso, o programa Mática ten o obxectivo de “crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC” “creando lazos de amizade e colaboración” entre elas con accións coma estes campamentos. Entre as rapazas que este luns se achegaron a participar está Eva Barreiro, do IES Blanco Amor de Ourense, que se decidiu a apuntarse a esta iniciativa “para aprender cousas novas en tecnoloxía” xa que o seu desexo é estudar no futuro Enxeñaría Informática, pois “gústame moito, desde pequena gustoume, sobre todo a programación”. Esa preferencia apunta, mantívose no tempo a pesar de que “sempre se pensa que informática é unha carreira para homes, pois xeralmente cando vas a sitios de informática só ves a homes e xa o tes interiorizado”.

Para darlle exemplo do contrario están guiando o campamento no campus de Ourense Ana Rodríguez, Cristina Lavadores e Ana Abad, alumnas de diferentes cursos do Grao en Enxeñaría Informática. Elas participan na organización desta actividade “porque nos encantaría contribuír a achegar a informática ás rapazas, que vexan que isto non é só un mundo de homes senón tamén de mulleres, que saiban que elas son tan válidas coma eles para estudar esta carreira e que vexan que as mulleres tamén estamos aí”. Nos seus cursos, indican, hai arredor dun centenar de estudantes e deles só arredor de dez son rapazas e “esa cifra non debería ser así, hai que mudala, hai que darlle máis visibilidade ás mulleres neste sector”. O feito de que o ano pasado a matrícula no Grao de Enxeñaría Informática non superase o 12% de mulleres, engade Francisco Javier Rodríguez, esixe levar a cabo iniciativas coma este campamento. “O que máis nos preocupa é que esta cifra supón un decrecemento. Non é unha cuestión estrutural que veña de sempre. É un decrecemento global, en xeral, polo que temos que actuar”, afirma.

Tema: Xeral
Fonte: Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal