O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña dará a coñecer o martes 22 de xuño os resultados do proxecto Talentos Inclusivos, posto en marcha xunto con ASPACE Coruña co obxectivo de espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a diversidade funcional, a través de equipos colaborativos e inclusivos que traballaron durante todo o curso académico. A iniciativa contou co apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O proxecto consistiu no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas, por parte de máis de 150 estudantes de centros educativos da provincia, ante retos propostos por persoas con parálise cerebral, usuarios de ASPACE Coruña. No acto de presentación, os oito equipos presentarán os traballos desenvolvidos, entre os que se atopa un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.
A mesa de peche do acto estará moderada polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e contará coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzálo Trenor López; a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Imma Aguilar Nàcher; o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos; a presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro Santos; e a membro do pleno do Consello Social da UDC, Nona Inés Vilariño Salgado. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, será o encargado da apertura, mentres que os traballos serán introducidos polo investigador principal do proxecto e coordinador no CITIC, Javier Pereira Loureiro, xunto co coordinador do proxecto en ASPACE Coruña, Rubén Carneiro Medín.
Talentos inclusivos é un proxecto de innovación en que 25 usuarios e usuarias de ASPACE propuxeron unha serie de retos tecnolóxicos cos que resolver algunha das necesidades ou intereses que teñen no seu día a día. Máis de 150 estudantes dos centros IES David Buján, Cambre; Colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña; IES Miraflores, Oleiros, IES Sofía Casanova, Ferrol; IES de Ortigueira; IES As Mariña, Betanzos; IES Terra de Trasancos, Narón e CPR Salesiano San Juan Bosco da Coruña responderon aos retos propostos, co apoio científico do profesorado de Tecnoloxía dos seus centros educativos así como do persoal investigador do CITIC.
ACTO: Peche do proxecto Talentos Inclusivos
HORARIO: Martes 22 de xuño de 11:00 a 13:00 h
LUGAR: Sala Cloud do CITIC (Campus de Elviña, s/n, A Coruña)
Evento híbrido con retransmisión a través da canle de Youtube do CITIC
É imprescindible a confirmación de asistencia para acceder ao acto
Rexístrate como: