Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Maker Faire Galicia.

Un Museo Gaiás virtual acollerá a partir de mañá a Maker Faire con preto de 4.000 participantes inscritos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 01/06/21 (15:02)
  • Comeza a sétima edición deste escaparate para a creatividade e o enxeño, cunha xornada exclusivamente centrada en innovación educativa
  • Inclúe como novidade o EDU Open Space, espazo para repensar a educación, onde os asistentes propoñen temáticas para debater en mesas redondas en simultáneo
  • O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira destacou que esta Maker Faire permitirá coñecer proxectos didácticos innovadores e afondar en temas como tecnoloxía e educación inclusiva
  • O encontro poderá seguirse ao completo por videoconferencia, a través dunha plataforma que converte o Museo Centro Gaiás nun entorno en 360 graos

Un Museo Centro Gaiás convertido en contorna virtual en 360º acolle a partir de mañá a Maker Faire Galicia, que repite este ano cun formato enteiramente en liña no que argalleiros de sete países diferentes –España, A Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos. Despois do éxito da pasada edición, na que se convertía nunha das primeiras Maker Faire do mundo en dar o salto dixital, o evento volve apostar por un formato totalmente de balde, 100% virtual, e máis global ca nunca, con preto de 4.000 inscritos, cifras que cuadriplican as da última edición.

Durante as cinco xornadas que dura o evento (do 2 ao 6 de xuño), as persoas visitantes poderán –a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás– interactuar con makers de todas as idades, tomar parte en diversos talleres ou asistir a charlas e mesas con referentes mundiais no ámbito da innovación.

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, onde destacou que “a innovación educativa ten tamén o seu espazo neste encontro no que tecnoloxía, cultura e educación van da man”. Quixo ademais felicitar á organización por facer realidade este “interesante punto de encontro no que establecer lazos e redes de cooperación, onde compartir experiencias e boas prácticas nun eido, o da tecnoloxía, que está a implicar grandes cambios socias dos que a comunidade educativa non pode quedar á marxe”.

A rolda de prensa, emitida a través de videoconferencia, contou tamén coa presenza da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da directora da zona noroeste de APD (Asociación para o Progreso da Dirección), Ana Sánchez, e do responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.

Tecnoloxía, innovación e educación inclusiva

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo tamén deterse nalgúns dos contidos que incluirá a xornada da Maker Faire dedicada á educación, que dará “a oportunidade de afondar nas realidades da innovación educativa, a educación inclusiva ou a aplicación das tecnoloxías no ámbito didáctico e que contribúe a traballar competencias clave e formar e mellorar as competencias do profesorado, peza indispensable no proceso transformador que está a vivir o ámbito do ensino”.

Un dos nomes destacados do encontro é o de Valeria Corrales, unha estudante de Huesca que con só 12 anos triunfou na última edición do programa de televisión Got Talent España, abraiando ao xurado cun robot que ela mesma construíu e que resolveu en directo o cubo de rubik en 29 movementos. Ademais do inspirador exemplo desta pequena maker, as persoas asistentes á xornada educativa poderán coñecer máis de 40 proxectos de innovación educativa, que se están a desenvolver en centros de ensino de toda Galicia e tamén do resto de España e Portugal, ademais de compartir coñecemento e oportunidades de aprendizaxe.

Tamén se inclúe como novidade o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes proporán as temáticas para debater en diferentes mesas redondas en simultáneo. Obradoiros de programación, robótica educativa ou solucións para espazos maker orientadas aos centros educativos completan unha programación especialmente pensada para docentes e para toda a comunidade educativa.

Eventos como a Maker Faire Galicia, destacou o secretario xeral de Educación, “permítennos que os procesos de innovación impregnen a comunidade educativa dando a coñecer iniciativas como a implantación de espazos maker nos centros educativos, algo no que estamos a traballar desde a Xunta co obxectivo de que cheguen a ser laboratorios de ideas e proxectos, e co convencemento de que son espazos que contribúen ao desenvolvemento da creatividade, ao traballo colaborativo e á transformación social, fomentando a inclusión e a desaparición de estereotipos de xénero”, remarcou José Luis Mira.

Biotecnoloxía, videoxogos ou robótica

As dúas primeiras xornadas do encontro, o 2 e o 3 de xuño, estarán máis enfocadas a público profesional e virarán sobre temáticas como dixitalización, biotecnoloxía, robótica, intelixencia artificial ou ciberseguridade. Entre os relatores máis destacados atopamos a César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, onde lidera un laboratorio de investigación especializado en crear antibióticos con ordenadores a partir de moléculas naturais. Coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar a covid-19, foi nomeado polo MIT como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos, e galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona Investigación Científica 2021. Os videoxogos e, en particular, a inclusión neste eido, será outra das temáticas destacadas, con relatoras como Keisha Howard, recoñecida activista en favor da diversidade neste eido, e fundadora da comunidade Sugar Gamers. Con dúas charlas TED no seu currículum, ten traballado con compañías como como SYFY, Watchmojo, AT&T, HBO, Nintendo, HTC, Microsoft ou Google, entre outras.

Outros contidos e relatores destacados

Para pechar esta semana dedicada á innovación e á creatividade, os días 5 e 6 de xuño celebraranse as xornadas abertas a todos os públicos, onde o Do It Yourself, a música ou a arte únense coa tecnoloxía. Charlas como a da mexicana Trindade Gómez, falando do seu Fab Lab co que está empoderando a artesáns indíxenas, ou talleres como o dos arxentinos Alquimétricos son algúns dos pratos fortes destes días. No apartado de proxectos destacan os xaponeses Robot band, unha banda de rock constituída por robots; os brasileiros Batebit, co seu kit musical, ou os minimakers de VermisLAB cos seus proxectos para mellorar o mundo. Tamén se celebrará novamente a Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas da que o xoves se coñecerá a temática e o domingo, na xornada de clausura, o gañador ou gañadora do concurso.

Para ter máis información sobre o evento e como participar só compre rexistrarse na súa plataforma en liña, totalmente de balde.

A sétima edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e o Círculo Financiero de Galicia (dentro do proxecto Capacita Directivos). Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal