Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Videoconferencia de 'Por Talento Dixital'.

Preto de oitenta persoas con discapacidade melloran os seus coñecementos informáticos coa Fundación ONCE

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 02/06/21 (07:59)
  • Dentro do programa 'Por talento dixital' 
Preto de oitenta persoas con discapacidade están a mellorar os seus coñecementos informáticos e con iso as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral, grazas a un curso deseñado pola Fundación ONCE dentro do seu programa 'Por talento dixital', que conta co apoio da Fundación Vodafone.
 
A formación, que non require de titulación nin experiencia previa, está dirixida a persoas con discapacidade que participasen antes en cursos de competencias básicas dixitais e tecnolóxicas e que queiran mellorar os seus coñecementos informáticos, tanto con fins laborais como persoais. 
 
Impártese a distancia en horario de mañá e de tarde, para facilitar a conciliación laboral e persoal aos estudantes que o requiran, e está dividida en tres categorías, en función do nivel de coñecementos de cada alumno: Ofimática nivel I (curso básico de 200 horas); Ofimática nivel II (intermedio, tamén de 200 horas) e Ofimática nivel III (avanzado, 150 horas). Nos cursos, os estudantes profundan en coñecementos sobre Windows, Word, Excel, PowerPoint, Access e Outlook. 
 
As clases, que finalizarán o próximo mes de xuño, son a distancia con conexións diarias de luns a venres a través de aula virtual e traballo asíncrono na plataforma e-learning destinada a este fin.
 

'Por talento dixital'

'Por Talento Dixital' é un programa impulsado en 2019 pola Fundación ONCE, xunto con Inserta Empleo, a súa entidade para a formación e o emprego, e co apoio do Fondo Social Europeo. 
 
O seu obxectivo é mellorar os coñecementos, competencias dixitais e o acceso a profesións tecnolóxicas das persoas con discapacidade.
 
Desde a súa posta en marcha leváronse a cabo máis de 1.160 accións formativas de diversa índole, cuxos contidos van desde as competencias dixitais básicas ata outras máis específicas como programación web (Java, JavaScript, Full Stack, orientada a obxectos, Bases de Datos), márketing dixital, e-commerce, desenvolvemento de aplicacións móbiles, Big Data, QA e testing de Videoxogos, atención a usuarios e instalación de aplicacións cliente, instalación e configuración de aplicacións informáticas, montaxe de compoñentes e periféricos microinformáticos, entre outras.
 
Entre as accións en marcha ou en proxecto en 2021 figuran, ademais deste curso de ofimática, outro de Boosting Power Platform en colaboración con Microsoft, ou formación en Videoxogos na Escola Superior de Videoxogos e Arte Dixital.
 
Ademais, están en proceso de deseño e planificación outras actividades formativas como un curso de SAP TS410 (Procesos integrados) con certificación oficial de SAP, outro sobre Ciberseguridade básica e Varios Bootcamps de Programación Full Stack por distintos territorios.
 

Programa de bolsas

'Por talento dixital' conta cun programa de bolsas e apoio económico que pretende facilitar a realización dos cursos que se ofrecen ao longo do ano. O apoio económico pode ir desde axudas ao desprazamento ata dietas por asistencia, en función da tipoloxía dos cursos e do perfil e necesidades do participante.
 
Ademais, en febreiro de 2020 lanzouse unha Convocatoria de Bolsas permanente para a formación individual dirixida a estudantes con discapacidade, co fin de apoiar a súa incorporación a accións formativas tipo máster e/ou cursos moi especializados nas principais escolas do ámbito tecnolóxico e dixital e promover a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados. 
 
Trátase dunha convocatoria aberta, cuxos beneficiarios poden obter ata o 80% da contía total da matrícula e un máximo de 10.000 euros por solicitude. 
 
O ano pasado, un total de 45 persoas obtiveron este tipo de axuda para realizar estudos de Marketing Dixital, Big Data e Desenvolvemento de Videoxogos, entre outros campos de coñecemento.
 
Desta maneira, ademais de mellorar a formación en competencias dixitais das persoas con discapacidade, anímase ao tecido empresarial para que a demanda destes postos de traballo se cubra co talento das persoas con discapacidade.
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal