Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Momento de entrega do premio.

O proxecto 'Camiño de Santiago Accesible' da Fundación ONCE, premio Excelencias Turísticas 2020

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 26/05/21 (08:37)
  • O galardón, concedido polo Grupo Excelencias, entregouse este mércores no marco de FITUR 2021
O proxecto 'Camiño de Santiago Accesible', posto en marcha en 2019 pola Fundación ONCE en colaboración con entidades públicas e privadas, foi recoñecido co Premio Excelencias Turísticas 2020, que outorga o Grupo Excelencias a quen fomenta o bo facer en todos os ámbitos relacionados co turismo.
 
O galardón entregouse este mércores no marco da 41 edición da Feira Internacional de Turismo, no Auditorio Sur do recinto feiral IFEMA. Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE, recolleu o premio acompañado de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE. 
 
O Grupo Excelencias creou os Premios Excelencias en 2005, co obxectivo de fomentar a excelencia en diferentes ámbitos relacionados co turismo. Desde entón, convertéronse nun referente en Iberoamérica para todos aqueles que traballan día a día para lograr a excelencia non só nese sector, senón tamén na gastronomía e a cultura.
 
O 'Camiño de Santiago Accesible' é unha iniciativa posta en marcha pola Fundación ONCE en 2019 para facer máis transitable o Camiño francés, un dos máis visitados polos peregrinos. Conta coa colaboración do Real Padroado sobre Discapacidade, o Instituto Xeográfico Nacional, os ministerios de Fomento, de Sanidade, Consumo e Benestar Social,  de Industria, Comercio e Turismo, e o de Cultura e Deporte, así como coa participación do Xacobeo 2021, Xunta de Galicia, Junta de Castilla y León, A Rioxa, Reyno de Navarra, Gobierno de Aragón e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e Microsoft.
 
En 2021 o proxecto céntrase en avaliar a accesibilidade de albergues, potenciar o uso de aplicacións e crear unha web informativa con todos os recursos físicos e tecnolóxicos para facer máis transitable o roteiro. 
 
O diagnóstico de accesibilidade realízase sobre unha mostra de instalacións físicas das que os peregrinos fan uso durante o desenvolvemento do camiño, como son os albergues, para que poidan planificar e facer os seus desprazamentos con normalidade. 
 
Ademais, están a instalarse códigos Vumarks ao longo do roteiro para que os camiñantes, mediante os seus dispositivos móbiles, poidan acceder á información de accesibilidade dos puntos de interese máis relevantes.
 
O proxecto tamén pretende potenciar a accesibilidade de aplicacións móbiles de gran uso, centrando os esforzos na app de IGN, e dando a coñecer apps deseñadas para a orientación e guiado de persoas con discapacidade, como Blind Explorer e Microsoft Soundscape.
 
Para axuntar a información dispoñible sobre a accesibilidade física e tecnolóxica no Camiño de Santiago, está a deseñarse un sitio web no que se recollerán as características de accesibilidade das instalacións físicas avaliadas e das tecnoloxías dispoñibles para potenciar a inclusión desta experiencia.
 
Finalmente, farán varios ciclos de test de usuario con persoas con discapacidade para asegurar a calidade da información sobre accesibilidade e das ferramentas TIC ofrecidas.
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal