Un total de 10.092 persoas con discapacidade pasaron polos cursos organizados pola Fundación ONCE dentro do seu programa 'Por Talento Dixital', nos dous últimos anos. O obxectivo desta iniciativa é mellorar as habilidades dixitais das persoas con discapacidade de maneira que teñan máis facilidades de incorporación ao mercado laboral.
En 2019, a Fundación ONCE, xunto con Inserta Emprego, puxo en marcha a iniciativa 'Por Talento Dixital', un programa que está orientado á mellora dos coñecementos e as competencias dixitais e ao acceso a profesións tecnolóxicas das persoas con discapacidade e que conta co apoio do Fondo Social Europeo.
Así, desde a súa posta en marcha leváronse a cabo 1.162 accións formativas de diversa índole e cuxos contidos van desde as competencias dixitais básicas ata outras máis específicas como a programación web (Java, JavaScript, Full Stack, orientada a obxectos, Bases de Datos), márketing dixital, e-commerce, desenvolvemento de aplicacións móbiles, Big Data, QA e testing de Videoxogos, atención a usuarios e instalación de aplicacións cliente, instalación e configuración de aplicacións informáticas, montaxe de compoñentes e periféricos microinformáticos, entre outras.
Os participantes nestas formacións orientadas a profesións tecnolóxicas son en moitos casos persoas que reorientan completamente a súa traxectoria laboral. É o caso de José Lázaro, que traballaba de albanel e instalador e tivo un accidente laboral. 'O curso que realicei abriume novas portas e un novo horizonte laboral esperanzador, posto que a empresa na que fixen as prácticas contratoume como programador', manifesta José.
Para Sabina Lobato, directora de Formación e Emprego, Operacións e Transformación da Fundación ONCE e directora xeral de Inserta Emprego, 'este programa é unha aposta firme e decidida da nosa organización para que as persoas con discapacidade non perdan a oportunidade de incorporarse á cuarta revolución industrial, que ten como eixo o sector dixital'.
Para iso, engade, 'traballamos man a man coas principais empresas para coñecer a realidade e necesidades deste mercado laboral tan cambiante'.
Ademais, están a levarse a cabo programas de formación específicos como é o caso de 'RADIA', posto en marcha en colaboración coa Fundación CEOE e a Conferencia de Consellos Sociais das universidades españolas. Grazas a este programa un total de 50 mulleres con discapacidade estanse a formar para ampliar a súa presenza en profesións tecnolóxicas.
Rexístrate como: