Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Sinatura do convenio entre o IGCC e Fegaus.

A Xunta porá en marcha un programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 13/04/21 (07:55)
  • A iniciativa, que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas
  • As clases impartiranse entre abril e setembro na modalidade presencial ou en liña, na plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus)
  • As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) para a posta en marcha dun programa de formación sobre comercio electrónico e consumo responsable dirixido ás persoas maiores. A iniciativa, que desenvolve a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), consta de oito talleres de diferentes temáticas nos que se prevé a participación de 2500 persoas.

Os talleres impartiranse entre abril e setembro nas seguintes modalidades: telepresencial, mediante a propia plataforma de teleformación da Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors —Ágora Canal Senior—; presencial, nas instalacións do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou en entidades colaboradoras; e a través da videoteca tanto do IGCC como de Fegaus.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o encargado de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres. As temáticas abordan consellos para mercar a través de internet, a factura da luz e o novo bono social, a telefonía móbil, as contas bancarias básicas, as tarxetas revolving ou os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a resolución de conflitos de consumo a través da arbitraxe.

En virtude deste convenio, tamén se realizarán outras actividades como o desenvolvemento dun portal global de contidos que será un punto de referencia na aprendizaxe sobre o consumo responsable para as persoas maiores. Ademais, crearase unha rede de centros colaboradores e impartirase formación para as persoas voluntarias que colaboren con eses centros.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal