Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
José Carlos Millán

Resultados sobre a aplicación do dispositivo TG Telexerontoloxía

 



  • Telexerontoloxía "é un innovador sistema de apoio xerontolóxico baseado nas novas tecnoloxías (teleasistencia avanzada con servizos complementarios) dirixido ás persoas maiores e aos seus coidadores"

  • TG dá soporte de dúas maneiras: a nivel institucional en residencias, centros de día, Residencias, etc, e en domicilio.

  • Nos dispositivos instalados en domicilio, 9 de cada 10 usuarios destacaron a facilidade e sinxeleza de uso

  • TG ofrece varios servizos como o adestramento e valoración cognitiva a través da aplicación Telecognito®, "a función estrela de TG", rehabilitación por vídeo e contidos estáticos; navegación por Internet ou un especialista na casa para calquera consulta. 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/06/13 (11:52)

O director do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña (GIG), José Carlos Millán presentou na Residencia a Milagrosa da Coruña, os resultados do estudo do plan piloto de aplicación do dispositivo Telexerontoloxía (TG) levado a cabo dentro do proxecto Envejecimiento+Activo, que financiado por Fondos Feder e coa colaboración da Unión Democrática de Pensionistas, chega á súa fin despois de 30 meses de desenvolvemento.


O seu obxectivo, subliñou Millán, "foi comprobar o impacto do grande envellecemento que ten Galicia, con particularidades únicas no mundo,". Un fenómeno positivo, matizou, pois implica unha maior esperanza e calidade de vida, aspiración de toda sociedade avanzada, se ben advirte que xera novas necesidades que hai" que "atender".


De feito, como sinalou, "Galicia conta co 22% da súa poboación con máis de 65 anos (unhas 635.000) fronte ao 18% de media do resto do Estado". É dicir, 1 de cada 5 persoas. E unha esperanza de vida cada vez máis alta: 79 anos de media na actualidade. Así este ciclo vital é xa de maior duración que a idade nova. "Unha etapa na que hai que introducir a actividade. Non é nin debe ser unha etapa pasiva" comenta este experto que matiza que non todos os maiores viven do mesmo xeito. "Coa idade aumentan as enfermidades crónicas que, normalmente xeran minusvalidez primeiro e dependencia despois". En Galicia existen uns 30.000 discapacitados de entre 65 e 80 anos; 50.000 de máis de 80 anos e uns 60.000 de máis de 65 anos con demencia (incluída o Alzheimer), a principal enfermidade mental na vellez.


"Tantas persoas con problemas de saúde mental e necesidades sociais, necesitan máis recursos. Os actuais son insuficientes e estanse a cubrir en gran parte con coidadores familiares que cada vez son maiores" apunta. En Galicia o 30% dos devanditos coidadores e coidadoras superan os 65 anos. E as persoas maiores que viven soas, moitas veces por obriga, roldan o 18%. 


Neste marco, engade Milán, "é onde actúa TG dando soporte de dúas maneiras: a nivel institucional en residencias, centros de día, Residencias, etc. con funcionalidades específicas adaptadas aos usuarios deste tipo de centros". E en domicilio, "onde dá servizo a persoas que viven soas ou teñen coidadores en determinados momentos, tamén con determinadas funcionalidades e servizos específicos para lograr que a persoa siga no seu domicilio e se evite a súa institucionalización e que os seus coidadores non se vexan superados".


Resultados


Millán recordou que Telexerontoloxía "é un innovador sistema de apoio xerontolóxico dirixido baseado nas novas tecnoloxías (teleasistencia avanzada con servizos complementarios) ás persoas maiores e aos seus coidadores" para a prevención e detección precoz da dependencia e a asistencia a distancia dende múltiples especialidades. Pero sobre todo, "para atrasar ou evitar a institucionalización das persoas maiores que viven soas, o que supón, entre outros beneficios, un claro aforro de custos sociais e persoais,". 


O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da UDC deseñou TG en 2002 e dende entón leva desarrollandolo e mellorándoo con preto de 2 millóns de euros de investimento e infinidade de novas funcionalidades. Neste caso o estudo das súas aplicacións, que comezou en xaneiro de 2011 levouse a cabo dentro do proxecto Envejecimiento+Activo, financiado con Fondos Feder.


Algúns resultados a investigación con TG, aclarou o director deste Grupo, son "a súa accesibilidade universal debido ao seu carácter intuitivo e sinxeleza de uso tendo en conta como se enfrontan os maiores actuais á informática, o que supón romper a brecha dixital entre os maiores e as novas tecnoloxías" ademais das cales persoas con demencia ou deterioración cognitiva leve (superan o 25% dos maiores de 65 anos en Galicia) puideron utilizalo.


A idade media de uso foi de 74,8 anos. En tres cuartas partes, mulleres, "que foron por outra parte as máis participativas a partir dos 65 anos".


Todos os usuarios foron avaliados individualmente, antes e despois da utilización do dispositivo, dende o primeiro momento. "Así concluímos que o seu uso mellora a capacidade e o rendemento da memoria, incluída a detección precoz da deterioración cognitiva e a mellora do estado de ánimo e a vida social da persoa usuaria" comenta.


Nos dispositivos instalados en domicilio, 9 de cada 10 usuarios destacaron a facilidade e sinxeleza de uso fronte a 8 de cada 10 dos que utilizaron TG en centros públicos ou privados, pois no primeiro caso o uso é individual.


O alto grao de aceptación de Telexerontoloxía e a súa accesibilidade, facilita que os maiores perdan o medo ás novas tecnoloxías, se beneficien das terapias incluídas e melloren o seu estado cognitivo. Isto redunda nunha melloría do seu estado anímico e de saúde ou que TG se convertese sen dúbida nunha ferramenta moi eficaz na prevención da dependencia.


Unha das súas maiores vantaxes é que cumpre coa finalidade básica da atención socio sanitario: manter a persoa maior no seu domicilio mediante formulas de apoio axeitadas que inclúan a súa valoración e seguimento co que o aforro en custos persoais e públicos e o aumento de calidade de vida é considerable. 


Que é Telexerontoloxía


"Este dispositivo vai máis alá da Teleasistencia, supéraa para converterse nun recurso de apoio xerontolóxico que valora a persoa e intervén de xeito personalizado" destaca Millán, "ademais ten un custo moi alcanzable de 75 euros ao mes, sen ter que pagar instalación, no que se inclúen todos os servizos e que contrasta con servizos similares, moito máis limitados, que en ocasións poden chegar aos 3.000 euros mensuais".


A Xunta de Galicia, que coñece e apoia o proxecto segundo indica Millán, acaba de instalar un dispositivo na Residencia da Estrada como plan piloto. A idea é que TG se converta nun recurso máis da rede asistencial social e sanitaria de Galicia. "Queremos que TG sexa, en xeral, un servizo para as persoas maiores. Especialmente para aquelas con problemas e necesidades e poucos recursos" asegura.


No proxecto participaron tamén entidades e empresas privadas "a cambio de poder achegar algunha mellora", explica o director do Grupo de Investigación, "para engadir funcionalidades ao dispositivo". As máis recentes son a avaliación visual, a auditiva, o control de eventos e medicación, detector de humidade en cueiros para adultos, elementos de fogar intelixente para controlar dende o móbil, avisador de caídas ou o modulo de nutrición para evitar, sobre todo, a alimentación monótona e deficiente.


Telexerontoloxía dispón dunha conexión a Internet e unha pantalla táctil de uso moi sinxelo e intuitivo; unha terminal de servizos ou elemento central que permite a conexión de todos os dispositivos e a comunicación exterior, así como a súa xestión por control remoto dende o Centro de Control onde un equipo de expertos en xerontoloxía atenden as 24 horas do día calquera consulta ou emerxencia; finalmente unha pulseira de alarma máis avanzada que as convencionais que activa un sistema de videoconferencia co Centro de Control, priorizando o historial clínico do usuario que figura no devandito centro.


Por outra parte TG ofrece varios servizos como o adestramento e valoración cognitiva a través da novidosa aplicación Telecognito®, "a función estrela de TG", rehabilitación por vídeo e contidos estáticos; navegación por Internet ou un especialista na casa para calquera consulta.


Nese sentido TG valora cada persoa de xeito individual e personaliza as actuacións terapéuticas necesarias en cada momento, analizando o seu estado cognitivo, tensión arterial, pulso, nivel de saturación de osíxeno en sangue e outros parámetros, ademais de facilitar a interacción por videoconferencia, fomentando paralelamente a atención centrada na persoa de forma on line e o envellecemento activo. 

Tema: Xeral
Fonte: entremayores.es
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal