Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no evento.

O proxecto STEM de divulgación Exxperimenta en Feminino, recoñecido pola UVigo

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 10/03/21 (12:15)

O Proxecto Exxperimenta en Feminino vén de ser recoñecido pola súa actividade visualizando e e reivindicando o papel das mulleres na ciencia e nas tecnoloxías. Concretamente, recibiu o Premio Uviguala da Universidade de Vigo, un certame enmarcado nas celebracións do Día da Muller, este 8-M. Exxperimenta en Feminino comezou a súa andaina en 2017, mobilizando cada curso 120 profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense para organizar accións de divulgación STEM (Ciencia, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas) cunha óptica de xénero.

Por este compromiso coa igualdade e pola súa capacidade de implicación e mobilización de diferentes colectivos, as súas coordinadoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, foron recoñecidas co IX Premio Uviguala da Universidade de Vigo. No seu discurso, as galardoadas fixeron extensible este recoñecemento “a todas as mulleres do Campus de Ourense que participan en Exxperimenta en Feminino”.  A entrega do galardón realizouse en formato virtual e retransmitiuse en directo por UvigoTV. No acto, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou como a concesión por unanimidade deste premio a Exxperimenta en Feminino é “moi acaída”, destacando como “é difícil atopar un merecemento maior para un premio de igualdade”. Neste senso, o reitor fixo fincapé en como esta iniciativa “xunta moitas cousas que queremos ver, primeiro na nosa universidade e segundo tamén na sociedade galega”.

No acto, que contou coa actuación musical do grupo Blues do País, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, foi a encargada de explicar os méritos que a Comisión de Igualdade valorou á hora de conceder o premio ao compromiso de xénero na institución académica a Exxperimenta en Feminino: “Este programa, que xa vai pola súa cuarta edición, desenvólvese no Campus de Ourense, arredor da celebración do 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e ten un grande impacto entre a mocidade dos institutos e do centros escolares da provincia”, comentou. É, afirmou, “un exemplo da implicación activa das nosas docentes e investigadoras a prol da igualdade de xénero na UVigo” e “combate o efecto Matilda na ciencia na nosa comunidade universitaria e na nosa sociedade, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes tanto para as rapazas como para os rapaces”. Ademais, engadiu a vicerreitora, esta iniciativa de base “fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mozas e nas mulleres" e ten "un alto impacto” na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación. “Exxperimenta en Feminino fai da nosa universidade un espazo máis igualitario e máis feminista”, recalcou Mónica Valderrama.

No seu discurso conxunto, as profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, destacaron a súa satisfacción por este recoñecemento recalcando como “Exxperimenta en Feminino non somos só nós. Son as alumnas, as investigadoras e as profesoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que, co seu traballo desinteresado, voluntarioso e entusiasta, fan posible esta iniciativa”. A este grupo inicial, indicaron, uníronse, a partir da segunda edición, as profesoras e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría. Nos seus agradecementos tamén houbo espazo para os centros implicados, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Unidade de Igualdade e FECYT, que financian parte das súas accións.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal