O Goberno galego executou un total de 264 medidas concretas para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, o que supón preto do 90 por cento das 305 actuacións recollidas no primeiro Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia, desde a posta en marcha desta iniciativa pola Xunta. Así o destacou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no Parlamento, onde explicou os principais eixos que se están a desenvolver no eido da discapacidade.
De entre as medidas postas en marcha a través deste Plan, Mato salientou a posta en marcha de novos dispositivos de apoio tecnolóxico, que permitiu a atención a máis de 1.000 persoas; a formación de máis de 2.300 profesionais do sistema educativo en materia de atención normalizadora; a creación dunha tarxeta sanitaria especial para nenos e nenas con trastornos de espectro autista, das que se expediron preto de 1.500; e a publicación do decreto polo que se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes de Galicia, co obxectivo de facilitar o máximo desenvolvemento persoal e social dos alumnos.
Así mesmo, a titular de Benestar destacou a elaboración dun estudo sobre a discapacidade e o xénero; a revisión de 246 convenios colectivos para garantir a consideración deste binomio; e a posta en marcha dun sistema de videointerpretación para persoas xordas a través do que xa se atenderon 1.245 chamadas.
“Os colectivos máis desfavorecidos seguen a ser a nosa aposta prioritaria”, destacou a conselleira, quen indicou que, por este motivo, e, pese á crise económica, a Xunta decidiu blindar este ano o orzamento destinado ás persoas con discapacidade. Así, estase a destinar neste eido preto de 83 millóns de euros, dos que 66 son para a atención social deste colectivo e os 17 millóns restantes para actuacións no área laboral.
Na área social, Mato explicou que se mantén o orzamento para apoiar a actividade das entidades que traballan con estas persoas, é dicir, destínanse 3 millóns de euros. Neste senso, a conselleira de Benestar apuntou que, como novidade en 2013, o reparto destas axudas fíxose dun xeito “máis xusto, solidario e estable”, tendo en conta a representatividade real da poboación con discapacidade de Galicia. Para elo, asinouse un novo marco de colaboración co Comité de entidades de representantes de persoas con discapacidade (Cermi).
Máis prazas públicas
Mato, ademais resaltou no eido social, a creación nos últimos 4 anos de 631 novas prazas públicas de atención á discapacidade, o que supón un 42 por cento máis con respecto a 2009; e o labor que se está a facer para a creación dunha rede autonómica de atención temperá coordinada desde a triple perspectiva sanitaria, educativa e dos servizos sociais.
Así mesmo, lembrou que o departamento autonómico segue a traballar na carteira de servizos sociais, que por primeira vez permitirá contar con servizos de atención específicos para os diferentes tipos de discapacidade, e na nova Lei de Accesibilidade, que entrará este ano no Parlamento. Recordou que a nova normativa será “máis ampla e adaptada á realidade das novas tecnoloxías”.
Outras actuacións levadas a cabo na mellora da atención social deste colectivo son a creación da Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia; o Plan Marco de Atención Sociosanitaria co que se pretende facer que o espazo sociosanitario sexa unha realidade en Galicia; e a utilización dun Informe Social Unificado co que se está a acadar a simplificación dos trámites co uso dun único formulario común para todas as áreas.
Integración laboral
Con respecto aos 17 millóns que este ano investiranse para mellorar a empregabilidade e manter 2.700 postos de traballo de persoas con discapacidade, Mato insistiu en que “o Goberno galego fixo do emprego un piar fundamental para a integración deste colectivo ao que consideramos prioritario en todas as nosas políticas de emprego”. Así, asegurou que en 2013 apoiarase o emprego de preto de 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade en 115 centros especiais de emprego. Para isto, dedicaranse preto de 8 millóns de euros. Na lexislatura anterior destináronse 38,5 millóns de euros cos que se apoiaron 9.000 empregos.
Ademais, Mato expuxo que neste ano prevese que 300 persoas con discapacidade sexan contratadas na empresa ordinaria reforzando os incentivos e prestando “unha atención especial” ás mulleres. Así mesmo, a Xunta e a Confederación galega de persoas con discapacidade (Cogami) colaborarán este ano nun programa de formación profesional e ocupacional que permitirá mellorar a empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral dunhas 400 persoas. Mato tamén lembrou que, a través do Plan de Acción Integral, realizáronse 20.000 orientacións laborais e máis de 1.000 persoas recibiron formación a través dos cursos para persoas desempregadas.
En definitiva, a conselleira afirmou que o Goberno galego traballa “cun obxectivo moi claro: que as persoas con discapacidade teñan unha integración plena na sociedade”. Ao respecto concluíu asegurando que das medidas que está a poñer en marcha a Xunta benefícianse de media ao ano 100.000 persoas con discapacidade e 60.000 familiares.
Rexístrate como: