Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Portátil e rato.

A Cámara da Coruña brinda unha manchea de cursos tecnolóxicos para mozos e maiores de 45 anos

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 23/02/21 (07:38)

Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar nos 125 cursos de formación que deseñou para complementar a formación de mozos, por unha banda, e de persoas maiores de 45 anos, pola outra, ao longo do primeiro semestre de 2021. Boa parte dos ditos cursos son iniciativas para facer avanzar á cidadanía en empregabilidade e capacitación tecnolóxica.

En primeiro lugar, a entidade programou 112 cursos, subvencionados ao cen por cen, que se impartirán nas modalidades online e presencial e que están dirixidos a mozos inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e no Programa Integrado de Cualificación e Emprego (PICE) da Cámara.

As persoas interesadas poden cursar nesta modalidade online cursos sobre inglés, emerxencias sanitarias, xestión de residuos industriais, mercadotecnia dixital, formación de formadores, desenvolvemento de aplicacións 3D, AutoCAD 3D, linguaxe XML, mecanizado ou negociación de contratación internacional, entre unha extensa oferta.

A programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de dixitalización de negocios, deseño 3D, vixiante de seguridade, persoal de tenda e ecommerce, fotografía, repostaría, xeadaría e panadaría ou Excel para pequenas e medianas empresas e operacións financeiras, entre outros.

Todas as actividades previstas inclúen formación orientada á procura de emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as habilidades persoais e sociais e a utilización de Internet. Algúns deles, como o de Auxiliar de Reposición e Venda en Gran Superficie contan con prácticas en empresas con posibilidade de incorporación á mesma ao seu termo. Pola súa banda, o novo programa Emprego 45+ que a Cámara ofrece con carácter gratuíto a persoas de entre 45 e 60 anos en situación de desemprego, inclúe formación e asesoramento para mellorar as súas posibilidades de volver incorporarse ao mercado laboral. O obxectivo é “colaborar na mellora da empregabilidade deste colectivo e, en esencia, ofrecerlles un servizo de acompañamento activo que lles axude a identificar novas oportunidades laborais”. Tras coñecer de primeira man o perfil dos participantes, especialmente no relativo ao nivel de competencias dixitais, os profesionais da Cámara deseñarán o itinerario a seguir e as accións máis axeitadas para cada perfil. “A mellora das competencias dixitais será o paso seguinte no percorrido do programa, mediante accións formativas adaptadas ás necesidades de cada participante”, explicaron fontes da Cámara, engadindo que os contidos dos 13 cursos programados abranguerán desde o uso de ferramentas dixitais para a elaboración e envío de currículos, até o dominio dos habituais paquetes ofimáticos, pasando polo manexo e monitoraxe das redes sociais, traballos na nube de Google Drive, community management, ferramentas de deseño, ou elaboración e xestión de webs.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal