Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación do sistema CharlieSays.

Un estudante da UVigo achega unha tecnoloxía para permitir a comunicación de persoas con parálise cerebral

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 13/01/21 (10:01)

A tecnoloxía abre camiños de accesibilidade e comunicación que doutro xeito serían complexos de abordar. Esta semana deuse a coñecer dende o Campus de Vigo un sistema tecnolóxico que achega importantes posibilidades de inclusión para as persoas con parálise cerebral e outras doenzas que lles impidan comunicarse, e todo coa entrada en xogo dunha tableta e dunha placa Arduino. Trátase do sistema CharlieSays, unha contribución tecnolóxica inspirada no dispositivo que emprega o científico Stephen Hawking. Vén da man de Juan Abia, estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo. Trátase do seu traballo de Fin de Grao (TFG).

A orixe desta tecnoloxía está nas posibilidades que abren as tecnoloxías abertas e participativas para as persoas con parálise cerebral. No caso concreto do novo investigador da UVigo, o seu curmán Carlos, que este mes cumpre 33 anos e que sofre a devandita doenza, que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita. O proxecto, sinala Juan Abia, comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidade de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica o autor deste traballo de fin de grao, engadindo que o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación. Froito do traballo en equipo xurdiu o devandito sistema, que xa conta cun prototipo rematado e totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, explica Juan. O núcleo do sistema é a placa Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta. Tras presentar CharlieSays na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal