Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

O Campus de Ourense convoca unha nova edición do certame artístico do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 03/12/20 (09:57)

Co gallo da celebración, o vindeiro 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense volverán traballar conxuntamente para organizar diversas actividades conmemorativas e, tamén, con capacidade para aumentar as vocacións femininas no ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

No marco destas iniciativas, veñen de convocar o V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.
Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano na historia; e, tamén, axudar a que se visualice o papel das mulleres no eido da investigación e que reflicta como son vistas pola sociedade.

Esta iniciativa únese a outras contribucións organizadas desde estes centros (como a exposición virtual Exxperimenta en feminino e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, anulada para 2021 debido á pandemia) coas que se quere “contribuír a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos STEM e fomentar as vocacións científicas entre as mozas estudantes”.

Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a computador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos). A temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A entrega de premios será nun acto especial na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal