Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Rocío Martínez Núñez.

O programa Girl STEM entrevista a Rocío Martínez Núñez, unha das investigadoras do King´s College que impulsou traer a España os superrobots que fan test masivos para a COVID-19

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 26/11/20 (12:00)
  • A cuarta conversa desta edición xira arredor das claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento no que o traballo dos laboratorios resulta crucial na investigación sobre a COVID-19
  • A iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos STEM

Esta semana GIRL STEM conversa con Rocío Martínez Núñez, investigadora no King´s College de Londres, desde onde conseguiu impulsar xunto a outros catro compañeiros/as unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera máquinas capaces de analizar 2.400 test de PCR ao día.

Esta entrevista, realizada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais, salienta a forte vinculación de todos os campos da investigación co big data e as claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento crucial na investigación sobre a COVID-19.

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Nesta edición, o programa GIRL STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.

Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rocío Martínez Núñez en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.

Rocío Martínez Núñez

Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise do COVID-19 conseguiu traer a España uns superrobots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do big data.

O próximo xoves 3 de decembro, o programa GIRL STEM publicará a conversa coa referente Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e experta en intelixencia artificial, que será entrevistada por Luz Castro.

Entrevista a Rocío Martínez Núñez

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal