Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Galiciencia.

Galiciencia abre a súa edición online o 9 de decembro con obradoiros de cociña molecular e electricidade

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 24/11/20 (12:43)

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de achegar importantes novidades sobre a nova edición da feira Galiciencia, o gran evento da mocidade investigadora galega (e doutros recantos do ámbito estatal) que se celebra dende 2006, co apoio da Consellería de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A edición número 15 da feira científico-tecnolóxica será os días 9, 10 e 11 de decembro, celebrándose baixo o lema que non deixa dúbidas sobre a importancia do coñecemento avanzado e investigador para resolver, con vistas ao día de mañá, os grandes retos de hoxe: A innovación do futuro.

Por certo que Galiciencia 2020 terá formato online debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria. Abrirase o 9 cun espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 celebraranse varios obradoiros para alumnado de Primaria e Secundaria.
Ademais da participación na Galiciencia mediante o envío de proxectos, que competirán polo premio final do certame, os rapaces poderán implicarse a través dunha serie de actividades. Os días 10 e 11, de 10.00 a 11.00 horas, será a quenda do alumnado de Primaria. Baixo o título Iluminando o mundo, as mozas e mozos terán a oportunidade de introducirse no eido da electricidade para descubrir as propiedades dos materiais condutores, e mesmo realizarán os seus primeiros circuítos eléctricos, empregando materiais tan sinxelos como plastilina condutiva, pilas e LED. Para iso, os grupos recibirán no seu centro educativo, de xeito gratuíto, un kit para poder realizar a actividade.

Obradoiros para alumnado de Secundaria

Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller Cociñando o futuro o 10 e o 11 de decembro de 11.30 a 12,30 horas. A idea é que a través da innovación culinaria os rapaces sexan quen de descubrir a relación entre a química e o traballo de laboratorio mentres crean as súas propias receitas do que hoxe se coñece como “cociña molecular”. Así, prepararán esferificacións directas e inversas e raviolis que terán como elemento principal agar-agar (un extracto de algas con capacidade xelificante).
Malia realizarse por Internet, a Tecnópole lembra que será unha actividade totalmente práctica. Os centros inscritos recibirán, tamén de balde, os materiais necesarios para poder desenvolver este taller. Cada kit inclúe reactivos para cociña molecular, agar-agar, recipientes e micropipetas.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal