Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Nena en cadeira de rodas usando unha tablet que mostra pictogramas.

O Premio E-Inclusión do CPEIG vai parar á Confederación ASPACE

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/11/20 (08:31)

Este 19 de novembro deuse a coñecer a entidade gañadora do Premio E-Inclusión da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que desta volta vai parar ás mans da Confederación ASPACE, polo seu proxecto colaborativo #ASPACEnet encamiñado á mellora da calidade de vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral a través do uso de solucións tecnolóxicas.

Dicir que o encontro, presencial e virtual, das empresas máis senlleiras do sector TIC de Galicia terá lugar o 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Indo aos premios da Noite en cuestión, abranguerán dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas máis salientables no eido da enxeñaría en informática. Será a presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Mónica Touriño Soto, a encargada de recoller o galardón. En canto á Confederación ASPACE cómpre dicir que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades afíns mediante a defensa dos seus dereitos, o apoio ás familias, os servizos ás entidades asociadas e a cooperación institucional. Declarada de Utilidade Pública en 1999, a confederación consta de dezasete federacións autonómicas, entre elas a Federación ASPACE-Galicia, e dispón de 27.000 persoas asociadas, 5.300 profesionais, 1.700 voluntarios e voluntarias, 85 entidades asociadas e 230 centros de atención directa en toda España.

Entre os múltiples programas está #ASPACEnet, centrado na innovación e investigación a través do uso de Tecnoloxías de Apoio (TA) e Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC). O proxecto arrincou en 2011 coa colaboración da Fundación Vodafone España. Asemade, o dito proxecto de ASPACE desenvolve catro liñas de actuación: Promoción das TIC no alumnado con parálise cerebral, o proxecto Formación, apoio e acompañamento en solucións tecnolóxicas, o grupo de traballo #ASPACEnet que elaborou a guía Las tecnologías en las entidades ASPACE, e as Xornadas ASPACEnet. No que vai de 2020, 195 profesionais de entidades ASPACE recibiron formación sobre SAAC, o que beneficiará a 500 persoas con parálise cerebral para implantar esta tecnoloxía de forma adaptada ás súas necesidades.

Para máis información sobre este proxecto pódese visualizar o vídeo presentación de ASPACEnet.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal