Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da web da iniciativa.

O Campus de Ourense impulsa a mostra virtual Exxperimenta en feminino

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 19/11/20 (07:54)

Campus de Ourense (Universidade de Vigo) impulsou a mostra virtual Exxperimenta en feminino, iniciativa que ten como obxectivo último espertar nas rapazas e nos rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos nestes eidos. A nova andaina inclúe 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do Campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia de 14 mulleres referentes nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías.

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, desde o ano 2017 o Campus de Ourense acolle anualmente en febreiro a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, organizada por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Universitaria de Enfermaría e a Facultade de Ciencias. Co obxectivo de dar continuidade a esta acción, as súas promotoras puxeron en marcha este ano unha mostra itinerante para centros educativos do sur de Galicia composta por 14 pósteres sobre outras tantas mulleres cun destacado papel na investigación. Cada muller destacada foi elixida polas investigadoras de cada un dos 14 stands que formaron parte da edición 2020 de Exxperimenta atendendo á súa área de especialización.

“En febreiro de 2021, por mor da situación sanitaria, non poderemos celebrar a xornada de forma presencial. Por iso, queremos poñer a disposición dos centros de ensino unha exposición virtual sobre destacadas científicas”, explican as responsables da iniciativa, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Con este obxectivo, decidiron realizar unha serie de vídeos nos Campus de Ourense que participou na elaboración dese material. A escolma de mulleres da exposición abrangue desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Concretamente, a mostra virtual, que conta con financiamento da FECYT e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal