Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Benestar instala novos dispositivos do sistema de teleasistencia SAM-TV en 20 fogares de Vigo para a atención aos maiores


  • A Secretaría Xeral de Política Social e a Universidade de Vigo levan a cabo esta iniciativa que suporá un investimento de máis de 20.500 euros

  • A UVIGO realizará un estudo pormenorizado das experiencias dos usuarios con esta plataforma para coñecer de primeira man a incidencia nas súas vidas

  • A través de SAM-TV, os beneficiarios poden realizar exercicios de rehabilitación ou programar alarmas

  • O sistema permite, ademais, acceder a servizos que ofrece internet, pero desde a televisión con axuda dun mando a distancia

  • Esta actuación forma parte do proxecto europeo Envellecemento +Activo

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/06/13 (10:09)

A Consellería de Traballo e Benestar está a instalar novos dispositivos da plataforma SAM-TV en 20 fogares de Vigo e a súa área metropolitana para a atención ás persoas maiores co obxectivo de facilitarlles unha mellora na súa calidade de vida. A Secretaria Xeral de Política Social en colaboración coa Universidade de Vigo están a levar a cabo esta actuación que suporá un investimento de máis de 20.500 euros. A UVIGO realizará, ademais, un estudo detallado da experiencia dos usuarios con este sistema para analizar despois as súas principais conclusións.


A través da plataforma SAM-TV, os usuarios poden acceder a servizos que se ofertan a través de internet, pero por medio da televisión coa axuda dun mando a distancia para axudar a aqueles que teñan dificultades para utilizar un ordenador. O sistema permite, non só consultar documentos ou usar as redes sociais, senón tamén realizar exercicios de rehabilitación, manter unha conversa por videoconferencia ou programar recordatorios ou alarmas.


SAM-TV posibilita, desta forma, ás persoas con limitacións físicas ou cognitivas manter a súa independencia e autonomía persoal, así como facer fronte á soidade que en moitos casos padecen pola súa dificultade para as relacións sociais. Así mesmo, o que se pretende desde a Consellería de Traballo e Benestar é facilitarlles ás persoas maiores a súa permanencia no seu medio habitual de vida, incrementado a súa mobilidade e seguridade no domicilio, a súa participación social e promoción da autonomía persoal.


En definitiva, SAM-TV permite un acceso a redes sociais, a comunicación entre as persoas usuarios, a tele-rehabilitación, control de actividades no fogar, tele-monitorización de sinais biomédicas e outros servizos lúdicos.


Esta iniciativa do Goberno galego forma parte do proxecto europeo Envellecemento + Activo. O pasado ano desenvolveuse, tamén en colaboración coa Universidade de Vigo, un proxecto piloto coa instalación de 40 dispositivos SAM-TV de forma experimental en fogares das cidades de Vigo e Ourense. Para a súa posta en marcha, o departamento autonómico ascendeu a máis de 77.500 euros.


A actuación forma parte da aposta da Consellería de Traballo e Benestar pola teleasistencia. Neste senso, é preciso lembrar que o departamento autonómico está a instalar o sistema Miavizor, unha ferramenta de teleprevención sociosanitaria que permite analizar a rutina da vida diaria das persoas usuarias, xerando patróns de conduta e que, ademais, permite avisar ante situacións de alerta; ou o sistema de telexerontoloxía, que permite que un equipo de persoas expertas atenda calquera tipo de incidencia ou consulta, e ofrece servizos como a teleestimulación cognitiva ou a rehabilitación por vídeo.


Por último, cabe destacar que Galicia vai contar con 5.760 dispositivos de teleasistencia tradicional e 240 de xeolocalización, cando en 2009 había 3.500. Isto quere dicir que en catro anos incrementouse nun 70% o número de dispositivos.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal