Madrid,
07/10/20 (09:02)
- Trasladan a mensaxe de que a tecnoloxía é a nosa aliada se facemos un uso responsable da mesma e non un abuso que pode conlevar riscos non desexados
Os famosos personaxes da miniserie animada 'ON Fologüers' súmanse ao 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE que, nesta edición, quere trasladar a mensaxe de que a tecnoloxía é a nosa aliada sempre que fagamos un uso responsable da mesma e non un abuso que pode conlevar riscos e consecuencias non desexadas.
Para iso protagonizaron un capítulo especial no que cada personaxe relata a súa relación coas redes sociais e explica como as novas tecnoloxías axudan ás persoas con discapacidade na súa inclusión na sociedade. Animan desta maneira aos estudantes para facer un uso responsable, e non un abuso, dos móbiles, as tablets e computadores, e a participar nesta edición do concurso escolar.
On Fologüers é unha iniciativa da Fundación ONCE cuxo obxectivo é promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela. Os personaxes da serie son novos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día. Durante este verán tamén se sumaron á loita contra o coronavirus e as desigualdades e barreiras que xera para as persoas con discapacidade.
ConexiÓN - AdicciOFF
Baixo o lema 'ConexiÓN, AdicciOFF. Isto non é un xogo', púxose en marcha o 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE, un programa de sensibilización educativa que pretende traballar na aula de maneira activa valores como a solidariedade e o pensamento crítico, o importante papel do alumnado, e o traballo colaborativo para conseguir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
O reto deste ano consiste en crear unha campaña publicitaria de sensibilización cunha mensaxe capaz de inspirar a toda a sociedade. No 37 concurso escolar do Grupo Social ONCE poden participar todos os escolares dos centros educativos españois públicos, concertados e privados, desde Primaria ata Bacharelato, ademais de Educación Especial e Formación Profesional.
A participación realizarase por aulas completas (un traballo-unha aula) dirixidas por un docente. Os estudantes de Primaria e Educación Especial (Categorías A, B e E) terán que facer unha cuña de radio dun minuto, como máximo, capaz de transmitir unha mensaxe sobre o bo uso da tecnoloxía por parte dos menores. Deberá ir titulada e, para facilitar a accesibilidade ao traballo, incorporará un documento co texto utilizado.
Pola súa banda, os estudantes de Secundaria (categoría C) terán que deseñar un cartel publicitario que capte a atención e transmita unha mensaxe que fomente o uso responsable da tecnoloxía, evitando o abuso da mesma. Deberá incluír un slogan e unha audiodescripción do traballo.
Para os estudantes de Bacharelato e FP (Categoría D), o concurso pide a realización dun anuncio publicitario, de 40 segundos, para sensibilizar sobre o uso responsable da tecnoloxía e os riscos que carrexa o seu abuso. Terá que estar acompañado dun título e un documento co guion, para facilitar a accesibilidade ás persoas con discapacidade.
O xurado valorará de forma especial a creatividade, a calidade, a mensaxe e a accesibilidade dos traballos presentados que, como en anteriores edicións, concursarán a nivel provincial, autonómico e nacional.
Cada grupo ou aula deberá subir á páxina web do concurso (
www.concursoescolaronce.es) o seu traballo. Os directores ou profesores de todos os centros educativos que desexen participar no concurso e acceder aos materiais educativos, poderán facelo a través da propia web ou por vía telefónica no número gratuíto 900 808 111, sendo a data límite de recepción de participacións o 5 de febreiro de 2021.
Tema: Xeral
Fonte:
Fundación ONCE