Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mostra virtual das xornadas Mulleres detrás dos videoxogos.

O MUVI crea unha mostra virtual en 360º para as xornadas sobre mulleres e videoxogos

Versión para impresiónSend by email
Cangas do Morrazo, 06/10/20 (09:21)

Fundación Museo do Videoxogo de Galicia colabora coa Universidade da Coruña nas segundas xornadas Mulleres detrás dos videoxogos, que comezaron este venres pasado. Ao seu abeiro, está a achegar dende a súa sede en Cangas do Morrazo a que sería, en palabras da fundación, “a primeira exposición de corte museístico, exclusivamente virtual interactiva, cun enfoque feminista, histórico e social”. Pódese ver a partir deste 5 de outubro na web do MUVI, nun apartado específico centrado nas xornadas. Tamén é accesible a través dos nosos móbiles.

A fundación argallou a mostra a petición da Universidade da Coruña, nunha actividade enmarcada dentro das ditas xornadas. “O obxectivo da exposición”, sinalan dende o MUVI, “non soamente se limita a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, senón que busca, a través da súa formulación físico-virtual, explorar novas vías de eficacia á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas”.  Navegando por ela, os visitantes terán a posibilidade de gozar “cunha experiencia profunda”, con gran cantidade de información audiovisual e con ligazóns externas que nos convidan a afondar en diferentes vertentes da temática tratada”, explican, engadindo que se “trata dun resumo práctico, elegante e innovador que trata de poñer cara e contexto a algunhas das mulleres máis relevantes da industria a través dun percorrido cultural, ambientado no único museo sobre videoxogos de Galicia”.

A xornadas

A Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC organiza a segunda edición das xornadas internacionais Mulleres detrás dos videoxogos, que este ano celébraranse de forma virtual, dende o día​ 2 ao 9 de outubro. A actividade achega un programa que combina relatorios e faladoiros en directo, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e unha exposición virtual sobre pioneiras dos videoxogos.

A exposición virtual

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia presenta un modelo de exposición que permitirá descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra dunha chea de mulleres vencelladas ao eido do lecer interactivo, dende os comezos ata a actualidade, “fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado”, explican dende o MUVI. Na visita virtual teremos acceso íntegro aos espazos do museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal