Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da web Accessibilitas.

Medio cento de entidades súmanse á plataforma 'Accessibilitas' da Fundación ONCE para impulsar o deseño universal

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 09/09/20 (08:31)
  • Trátase dun portal para impulsar o deseño universal e está aberto a persoas e institucións que poidan mellorar coas súas prácticas a accesibilidade dos espazos, bens e servizos
Medio cento de entidades sumáronse xa á plataforma 'Accessibilitas' un portal creado pola Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade para impulsar o deseño universal.
 
Trátase dunha plataforma dixital concibida para mellorar o deseño universal de espazos, bens e servizos e dirixida, por tanto, a persoas e institucións interesadas en facer realidade este fin.
 
Desde o seu lanzamento o pasado mes de abril xa son moitas as entidades que se sumaron ao proxecto, entre elas universidades como as de Zaragoza, Sevilla e Xaén; así como distintas administracións públicas como os concellos de Oviedo, A Coruña, e Ávila e comunidades autónomas como Estremadura e o País Vasco, entre outros.
 
A plataforma pretende fomentar a xeración e difusión do coñecemento en materia de accesibilidade universal e contribuír así á creación dunha sociedade máis solidaria, tal e como indica Jesús Celada, director do Real Padroado sobre Discapacidade e director xeral tamén de Políticas de Discapacidade do Goberno de España.
 
'Unha sociedade máis solidaria é aquela que inviste en accesibilidade, só así evitaremos a exclusión dos máis vulnerables no acceso a bens e servizos. 'Accessibilitas' supón un espazo de consulta obrigada para todos os profesionais que queiran ser diferentes e auténticos, desenvolvendo produtos cun valor engadido tan necesario como recoñecido: a accesibilidade', declara Celada.
 
Na mesma liña, Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, sinala que 'Accessibilitas' pretende ser unha ferramenta de apoio para todas as persoas e institucións interesadas en achegar coas súas accións un gran de area ao deseño universal e mellorar así a plena inclusión da cidadanía con discapacidade.
 
Desde esta perspectiva, a plataforma está dirixida especialmente a todas as persoas cuxas prácticas profesionais poidan influír na accesibilidade dos espazos. "En esencia, ten cabida nela calquera persoa e institución interesada en contribuír ao deseño universal", aseguran o Real Padroado e a Fundación ONCE.
 
Conta con seccións tales como 'Actualidade', 'Cursos e xornadas', 'Produtos de apoio', 'Guías, manuais e estudos' ou 'Casos de éxito', onde se mostran exemplos de accesibilidade ben entendida e correctamente aplicada para que poidan servir de inspiración a organizacións e persoas que dan os seus primeiros pasos nesta materia. Permite tamén descargar deseños de produtos de apoio en 3D.
 
Ademais, o portal dispón dunha área privada dirixida nunha primeira fase a administracións públicas, universidades e organizacións sen ánimo de lucro que operen en España. Nela pódese acceder á normativa técnica de UNE en materia de accesibilidade e a foros especializados atendidos por expertos, así como difundir eventos relacionados coa accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas.
 
Os interesados en coñecer o portal poden dirixirse a https://accessibilitas.es/
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal