Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mozos no Campamento Digitalia.

A Xunta achega os deportes naúticos e a tecnoloxía ás mozas e mozos que participan nos campamentos de verán de Gandarío

Versión para impresiónSend by email
Bergondo, 02/09/20 (20:00)
  • Pasadomañá remata a cuarta e última quenda do campamento de temática náutico-deportiva e de aventura que se desenvolve nestas instalacións autonómicas
  • Outro grupo de rapazas e rapaces achéganse de maneira lúdica ao videomaping, o manexo de drons e a robótica coa iniciativa Digitalia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde ás mozas e mozos que participan nos catro campamentos de verán que nestes momentos están a ter lugar de maneira simultánea en diferentes espazos do albergue xuvenil de Gandarío. A temática dun destes campamentos é a náutico-deportiva e a aventura, e a dos outros tres é a tecnolóxica.

O náutico-deportivo, que comezou o pasado 26 de agosto e rematará pasadomañá venres, desenvolve a última das súas catro quendas. As actividades desta iniciativa están centradas no mar, o que permite aos participantes facer deporte ao mesmo tempo que desfrutan da praia situado ao pé das instalacións xuvenís.

Outro grupo de rapazas e rapaces participan nos campamentos tecnolóxicos Digitalia, nos que adquiren novas habilidades dixitais dun xeito lúdico. A través desta iniciativa, as mozas e mozos coñecen ao videomaping, que consiste en compoñer vídeos e crear animacións; aprenden os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons; e adquiren os coñecementos sobre a construción, funcionamento e control de robots sinxelos.

En total, esta Campaña de Verán, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

Ademais, a Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal