Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Dous mozos con síndrome de Down.

Down Galicia opta polo micromecenado para loitar contra a fenda dixital

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/07/20 (09:15)

A Federación Down Galicia vén de lanzar unha campaña de micromecenado co obxectivo de obter fondos para adquirir equipamento tecnolóxico co que intentar reducir a situación de fenda dixital na que se atopan moitas das súas persoas usuarias. Desta forma, a Federación busca crear un banco de recursos para o préstamo temporal de equipos, facilitando ás persoas usuarias máis vulnerables o acceso aos servizos que, desde o peche das entidades Down por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19, se prestan a distancia.

Os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse á compra de tabletas, computadores, teléfonos móbiles, altofalantes-micrófonos e conexións á Internet que poidan mellorar esta situación. Nos últimos meses, a fenda dixital existente fíxose máis evidente e un gran número de persoas usuarias dos servizos da Federación e das súas entidades non puideron continuar recibindo sesións de apoio durante este tempo, chegando nalgúns casos a evidenciar un retroceso na súa capacidade cognitiva. A campaña atópase activa na plataforma GoFundMe, de forma que calquera persoa que o desexe poderá realizar a súa achega a través desta páxina. Neste sentido, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, indicou que «buscamos a solidariedade de aquelas persoas que desexan axudarnos a eliminar a fenda dixital na que se atopan as persoas con discapacidade, asegurando deste xeito maiores cotas de inclusión na sociedade para o colectivo».

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal