Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Científicos españois deseñan un novo sistema 'web' que permite avaliar a dor de costas a través de Skype


  • Podería supoñer un importante avance no ámbito da teleasistencia, ademais dun enorme aforro económico tanto para o sistema sanitario coma para o paciente.

  • Este sistema é especialmente útil para veciños de pobos remotos, ou persoas con dificultades para desprazarse ao médico por falta de mobilidade ou cuestións de traballo.

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/06/13 (10:41)

Científicos da Universidade de Granada desenvolveron un novo sistema 'web' que permite realizar unha valoración médica da dor de costas a través de Skype, un software gratuíto para facer videollamadas. O seu traballo podería supoñer un importante paso no ámbito da teleasistencia, ademais dun enorme aforro económico tanto para o sistema sanitario coma para o paciente.


Nun artigo publicado no último número da prestixiosa revista Spine, os investigadores realizaron unha comparación entre a forma tradicional de avaliar as consecuencias funcionais de dor lumbar (isto é, unha consulta presencial co especialista) e o uso dun sistema 'web' utilizando recursos gratuítos como unha conexión a internet e software como Skype ou Kinovea, que non supoñen un custo adicional.


Na investigación participaron un total de quince persoas (6 varóns e 9 mulleres), cunha idade media de 37 anos. Todos eles padecían dor lumbar crónica, e asistiron a unha sesión dunha entrevista clínica persoal, seguida dunha avaliación en tempo real e unha sesión de telerrehabilitación a través de Skype.


Os resultados do estudo reflicten que a través dun sistema 'web' se pode obter dende casa, o centro de traballo ou calquera outro sitio a distancia unha valoración funcional con resultados moi similares aos que se conseguen na consulta presencial co especialista ('face to face'). 


Un gran problema de saúde


Como explica o profesor Manuel Arroyo Morales, do departamento de Fisioterapia da Universidade de Granada e un dos autores deste traballo, a lumbalxia crónica é un problema de saúde que afecta a unha elevada porcentaxe da poboación. "Dise que todo o mundo, ao longo da súa vida, padece algún episodio de dor de costas, e cada vez acontece a idades máis precoces". Isto provoca un elevado custo sanitario, derivado da súa asistencia a nivel da atención primaria de saúde (médicos de familia en consultorios) e do custo con fármacos e tratamentos físicos.


A dor de costas produce unha serie de alteracións na capacidade física, mental e funcional do suxeito (no seu traballo, ocio, vida familiar, etc.) que reflicten a importancia deste problema de saúde e a súa capacidade limitante para a vida diaria do paciente.


Os resultados deste estudo "poderían servir para ofrecer un servizo de calidade reducindo custos económicos tanto para o sistema sanitario coma para o paciente (ao evitar gastos de desprazamento, tempo presencial do especialista, etc.). Ao mesmo tempo, pode permitir ter acceso a especialistas en dor lumbar a determinados sectores poboacionais que habitualmente non o teñen, como veciños de pobos remotos, ou persoas con dificultades para desprazarse ao médico por falta de mobilidade ou cuestións de traballo", conclúe o investigador.


Este traballo de investigación foi posible grazas a unha colaboración entre os departamentos de Fisioterapia, Intelixencia Artificial e Radioloxía e Medicina Física da UGR. 

Tema: Xeral
Fonte: Universidade de Granada
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal