Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mans tecleando.

A Xunta facilita ás Universidades o uso das aulas da Rede CeMIT para a realización de exames

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/05/20 (14:00)
  • A Amtega xunto coa FEGAMP e as tres Universidades galegas asinan un acordo para que o alumnado universitario con dificultades para examinarse online desde os seus fogares poida facelo nos centros da Rede
  • As universidades porán a disposición dos estudantes o procedemento e o protocolo para facer uso das aulas
  • Este acordo enmárcase dentro das medidas da Xunta para afrontar a crise da COVID-19

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as tres Universidades galegas veñen de asinar un convenio para facilitar ao alumnado universitario que o precise a realización de exames online desde as aulas da Rede CeMIT.

O acordo, creado a petición das universidades, ten como obxectivo que aqueles alumnos que teñan dificultades para examinarse online desde os seus fogares poidan facelo grazas á conexión das aulas CeMIT, entre o 1 de xuño e 31 de xullo de 2020.

Poranse a disposición das Universidades as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a FEGAMP para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para realizar os exames online e contarán ademais co asesoramento e axuda para a correcta conectividade dos axentes TIC.

As universidades galegas serán as encargadas de articular e trasladar ao alumnado o procedemento e protocolo para facer uso da Rede CeMIT para a realización dos seus exames. Os alumnos interesados terán que inscribirse previamente como usuarios da Rede, a través da web https://cemit.xunta.gal/ e reservar praza na aula da localidade do seu interese cunha semana de antelación e agardar a confirmación.

No portal da Rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35, unha cifra que se incrementará coa adhesión de máis concellos.

Desde os concellos procederase ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes que se aplicarán en todas as aulas destinadas a este fin.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 entidades locais, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal