Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Voluntario preparando as tabletas.

A Fundación ONCE distribúe 200 tabletas entre vítimas de violencia de xénero con discapacidade e emprendedores

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 13/05/20 (08:04)
  • A iniciativa enmárcase dentro dun programa articulado pola Asociación Española de Fundacións, que reparte un total de 7.336 tabletas doadas por Indra
A Fundación ONCE participa no proxecto colaborativo máis potente de España na loita contra a fenda dixital educativa e formativa, agravada polo confinamento ante a pandemia da COVID-19. Para iso, distribuíu 200 tabletas, doadas pola empresa Indra, entre mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero e emprendedores con discapacidade. Esta acción é parte dunha iniciativa conxunta articulada pola Asociación Española de Fundacións (AEF), na que participan outras 27 entidades colaborativas. O montante total da doazón é de 7.336 dispositivos.
 
A Fundación ONCE, a través de Inserta Emprego, a súa entidade para a formación e o emprego, conta con "Mulleres en Modo ON VG", un programa cofinanciado polo Fondo Social Europeo que ten como obxectivo mellorar o emprego das mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero, ás que ofrece unha atención personalizada.
 
Ademais, coa iniciativa "Por Talento Emprende", dáse resposta ás inquietudes que mostran moitas persoas con discapacidade por poder poñer en marcha os seus proxectos vitais a través dos seus propios negocios.
 
Desta forma, os dispositivos entregados permitirán mellorar a formación destas persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
 
Todas as tabletas entregadas pola Fundación ONCE teñen pantallas de sete polgadas e repartíronse coa configuración necesaria para a súa utilización inmediata como ferramenta formativa. Esas tabletas son o nó central de toda unha cadea de solidariedade contra a fenda dixital na educación e formación. Unha cadea na que tamén participan as tres principais operadoras de España, Orange, Telefónica e Vodafone, que achegaron ao programa 3.000 tarxetas SIM para facilitar a conectividade a internet naqueles fogares que carecen dela. Ademais, tanto as fundacións destas tres compañías como a Fundación Altran suman ao programa os seus "voluntarios dixitais", que asesoran, acompañan e monitoran aos educadores sociais, familiares e alumnos no bo uso dos aparellos.
 
Con esta acción articulada pola AEF, as fundacións chegan onde case ninguén estaba a chegar: os nenos e adolescentes que, sen o vínculo presencial do colexio, corrían o risco de quedar atrás. É a iniciativa educativa máis potente da "cadea de solidariedade" que puxo en marcha a AEF o pasado mes de marzo, co obxectivo de paliar os efectos da crise da COVID-19. Desde entón, preto de 120 fundacións activaron centenares de iniciativas para axudar aos colectivos máis vulnerables ante os efectos de todo tipo da emerxencia sanitaria.
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal