Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aprende en familia coa tecnoloxía.

Aprende en familia coa tecnoloxía

Segunda entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 24/04/20 (12:45)

Coa chegada do COVID-19, o peche das escolas foi unha das primeiras medidas que se levaron a cabo, o que supuxo un cambio no proceso de aprendizaxe para os rapaces e rapazas, do mesmo xeito que os adultos tivemos que adaptarnos ao teletraballo dun día para outro.

Nesta situación, as familias temos o importante labor de acompañar e axudar aos nosos nen@s no proceso de aprendizaxe desde a casa e, grazas á tecnoloxía, teremos ao noso alcance o acceso a unha gran variedade de recursos e tamén lles permitirá aos máis novos da casa estar preto dos seus profesores e profesoras, así coma dos seus compañeir@s da escola.

É importante que o uso das TIC na casa se realice de forma paulatina e adaptada ás capacidades d@s cativ@s. É fácil caer na utilización da tecnoloxía como un “premio” ou unicamente cun fin lúdico, sen integrala de forma real e planificada na didáctica e rutina diaria da aprendizaxe.

A tecnoloxía empregarémola na casa como un medio, non como un fin, polo que será unha ferramenta máis dentro do proceso de aprendizaxe que temos que adaptala ás necesidades educativas dos nen@s e ás etapas nas que se atopan. En todo caso, o uso das TIC neste contexto achegaralles moitos beneficios:

  • Motivación e comprensión: a aprendizaxe é divertida, interactiva, sinxela e atractiva porque adáptase aos seus costumes e afeccións e anima a investigar e experimentar, o que fai que manteñan unha boa atención e unha rápida comprensión.
  • Flexibilidade e adaptabilidade: os rapaces e rapazas poden aprender ao seu ritmo segundo as súas necesidades e teñen á súa disposición un ampla variedade de material didáctico.
  • Autonomía e versatilidade: a gran variedade de contidos e casos prácticos fai que os nen@s poidan aprender por si mesmos e resolvan problemas de forma autosuficiente ensinándolles a aprender e construír o seu coñecemento con toda a información dispoñible en internet.
  • Creatividade: a forma de aprender e a realización dos traballos son tan variadas coas TIC que estimula a curiosidade e a imaxinación e potencia a iniciativa e a creatividade.
  • Conectividade e colaboración: os cativ@s poden comunicarse facilmente entre si mesmos e co profesorado, por medio do uso de redes sociais, plataformas virtuais, blogs especializados, chats ou correo electrónico, ofrecéndolles un papel máis activo e interactivo no traballo en equipo, intercambio de ideas e experiencias, resolución de problemas, compartición de información, etc.
  • Competencias dixitais: os nen@s desenvolven as habilidades dixitais para avanzar no mundo dixital.

Dada a gran variedade de beneficios que teñen as TIC na educación, este pode ser un momento ideal para traballar conxuntamente cos nosos fill@s e incluír a tecnoloxía nas nosas rutinas diarias de aprendizaxe.

Existen multitude de aplicacións gratuítas para smartphones ou tablets con contido didáctico que poden axudarnos a que os nosos fill@s manteñan un ritmo de aprendizaxe adecuado desde a casa e así podan seguir aprendendo de forma divertida as diferentes materias que se imparten nos centros educativos.

Por outra banda, para os máis pequenos que están comezando e aprendendo a ler, tamén existen alternativas que dispoñen de menús intuitivos coas que poder aprender as letras, sílabas, palabras ou ler frases que lles permitirán iniciarse na lectura e a ortografía.

Así mesmo, son moitos os centros educativos que están a acompañar aos nosos nen@s neste confinamento a través da publicación de contido formativo e didáctico en webs e plataformas educativas que son un recurso seguro á hora de proveernos de información, posto que están supervisadas por expertos en educación e adaptadas a cada unha das etapas da aprendizaxe dos menores.

Un exemplo disto é a web http://aprendoencasa.educacion.es do Ministerio de Educación e Formación Profesional posta en marcha ao comezo do confinamento para facilitar o acceso a diferentes recursos, ferramentas e aplicacións que faciliten ao profesorado, familias e alumnado a continuidade da actividade educativa durante o período de suspensión das clases presenciais debido ao estado de alarma. 

Outro exmeplo é a web do EspazoAbalar da Xunta de Galicia para o fomento da cultura dixital onde poderedes realizar consultas ou enviar suxestións, consultar diferentes blogs con contido educativo, acceder a vídeos e ao repositorio de contidos educativos dixitais. Ademais dispón dunha canle de YouTube especializada aberta para todo o público. 

As bibliotecas públicas seguen a ser fonte de información a través da plataforma GaliciaLe de préstamo libros electrónicos, películas, revistas e audiolibros ou a través dos seus recursos en liña onde recollen multitude de temas que de seguro vos resultarán útiles.

Este momento tamén pode ser perfecto para a aprendizaxe de novos coñecementos en materia de idiomas ou para perfeccionar o noso. Para este último, o programa “Medrar en galego” recolle recursos como os audiovisuais infantís “As miñas primeiras letras Galegas” ou “Os Axóuxeres”, entre outros, recursos musicais que achegan ensinanzas sociais e comunitarias como “Nun mar azul” ou “Nun colo da fala” e propostas de diferentes xogos para facer cos nen@s que van desde adiviñanzas ata recursos interactivos.

Por último, un pouco de diversión educativa!! Desde Internet Segura for Kids ofrécenos unha recompilación dos recursos máis divertidos para xogar na casa e aprender sobre ciberseguridade. Todos os recursos están publicados na súa web e podes descargalos de xeito gratuíto. Ademais dispoñen dunha Liña de Axuda en Ciberseguridade do INCIBE, por se tes dúbidas, no teléfono 017.

Tema: Xeral
Fonte: Faite Dixital
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal