O Día Internacional das Rapazas nas TIC de 2020 pasará á historia como o Día das Rapazas nas TIC máis decididamente “TIC”. Por que motivo? Pois basicamente polo Estado de Alarma que estamos a vivir e que obrigou ás entidades organizadoras a adaptar a celebración da xornada en formato cen por cen por virtual, un formato que xa estaba presente na actividade dende a súa primeira edición e que se ten materializado en múltiples conexións en streaming cos nosos centros docentes. A cita é este 23 de abril, entre as 11.00 e as 12.00 horas, con xanelas directas ás casas dos escolares de toda a nosa xeografía. Organizan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL.
Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna. A cita deste 23 de abril é a oitava convocatoria galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day).
Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”. A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA e no seu Twitter @ICTGoGirls
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.
Rexístrate como: