Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
App para medir o estado de ánimo. Foto: UGR.

Unha 'app' mide o estado de ánimo dos españois durante a crise do COVID19

Versión para impresiónSend by email
Granada, 03/04/20 (09:11)
  • Unha iniciativa da Universidade de Granada ten como obxectivo analizar o impacto psicolóxico da crise e ofrecer datos a tempo real do estado emocional da poboación española

Científicos da Universidade de Granada (UGR) puxeron en marcha o proxecto CoVidAffect, que pretende analizar o impacto da crise do coronavirus e ofrecer datos en tempo real do estado emocional da poboación, a través dunha aplicación de teléfono móbil e mentres dure o estado de alarma.

O proxecto é unha colaboración entre investigadores do Centro de Investigación Mente, Cerebro e Comportamento (CIMCYC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade de Granada. O obxectivo é coñecer en tempo real a resposta emocional da poboación fronte a novas medidas, noticias e sucesos, e detectar situacións que posiblemente requiran a mobilización de recursos para o apoio psicosocial.

Mediante unha aplicación móbil (app), deseñada especificamente para este proxecto, rexistrarase o estado emocional ao longo do día, xeraranse mapas da distribución xeográfica e a evolución temporal do estado de ánimo no territorio español, e analizaranse os datos para proporcionar índices de regulación emocional e resiliencia psicolóxica.

Recollida de información

A aplicación móbil unicamente recollerá datos relacionados coas preguntas formuladas. En ningún momento recolleranse datos doutras aplicacións instaladas no dispositivo, datos de xeolocalización, datos de voz ou imaxes. Para protexer a privacidade dos usuarios, a información recollida sobre eles será totalmente anónima, e etiquetarase tan só cun código numérico xerado de forma aleatoria.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e os gobernos de todo o mundo recoñecen que a crise do coronavirus e as medidas de confinamento para a súa contención están a exercer un forte impacto psicolóxico sobre a poboación.

O obxectivo do proxecto CovidAffect é achegar información sobre os aspectos máis humanitarios e psicosociais desta crise que poderían contribuír na toma de decisións por parte das autoridades competentes.

Tema: Xeral
Fonte: dicyt
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal