Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no terceiro dos encontros ‘Mulleres Protagonistas’.

Conde destaca en Vigo a necesidade de estimular e desenvolver a figura da muller profesional 4.0 para anticiparse aos retos do futuro

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 08/01/20 (15:11)
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo no terceiro dos encontros ‘Mulleres Protagonistas’, que reúnen a mulleres de distintos sectores para facer unha posta en común sobre os retos e oportunidades para avanzar cara a igualdade profesional plena
  • Nesta ocasión foron diferentes profesionais do mundo da enxeñaría as que compartiron as súas propostas e inquedanzas sobre a Industria 4.0, o fomento das vocacións STEM entre as mozas e os retos da Galicia de 2030
  • Conde incidiu na necesidade da implicación de toda a sociedade no desenvolvemento integral da muller para avanzar en eidos como a conciliación, a flexibilidade laboral ou a transparencia salarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a necesidade de estimular e desenvolver a figura da profesional 4.0 para anticiparse aos retos do futuro. Durante o encontro Mulleres Protagonistas, que se celebrou en Vigo, o conselleiro sinalou que este tipo de xuntanzas ofrecen unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos que se presentan para mellorar a situación das mulleres no mundo laboral e empresarial e avanzar cara a igualdade profesional plena.

Mulleres protagonistas é unha iniciativa que, de xeito periódico, reúne a mulleres de distintos sectores -neste caso do mundo da enxeñaría con representantes do eido empresarial, asociacións, centros tecnolóxicos e da Universidade- co obxectivo de establecer un diálogo aberto entre a Xunta e este colectivo para escoitar as súas propostas, explicar as medidas do Goberno galego e, deste xeito, realizar unha posta en común sobre os retos e dificultades que afrontan no seu día a día.

En concreto, a xuntanza de hoxe, abordou temas como o papel das mulleres no impulso da Industria 4.0, o fomento das vocacións STEM entre as mozas ou os retos da Galicia de 2030. Así, Conde subliñou que é indispensable contar cun entorno laboral onde a desigualdade non pode nin debe ter lugar e, deste xeito, reducir a fenda que existe, na actualidade, entre os homes e mulleres incorporados á canteira do talento 4.0.

Francisco Conde incidiu en que toda a sociedade se debe implicar no desenvolvemento integral da muller, para avanzar entre todas e todos cara a unha Galicia máis feminina, ofrecendo oportunidades en eidos como a conciliación familiar, a transparencia salarial, a promoción profesional ou a flexibilidade laboral.

Aínda que queda moito traballo por facer, Galicia está demostrando unha evolución favorable e, así, o paro feminino cae un 2,37% no último ano, a mellor ritmo que o desemprego masculino.

Entre outras iniciativas, este ano a Xunta aumentará nun 67% as axudas á contratación e á formación de desempregadas, ata os 4,3 millóns de euros a través do programa Emprega Muller -cuxo prazo de solicitude abre hoxe-, e tamén as axudas ás pemes para facilitar medidas de igualdade, conciliación e flexibilidade medrarán nun 14% (ata os 2,8 millóns de euros). Ademais poñerase en marcha un novo programa, TécnicAs para fomentar unha maior presenza de mulleres na industria e nas TIC.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal