Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel de Navega con Rumbo.

O CPEIG recibe o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de internet da Agencia Española de Protección de Datos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/12/19 (08:02)
  • Foi distinguido pola súa estratexia de sensibilización cos menores de Galicia a través de programas como “Navega con Rumbo”, posto en marcha hai nove anos coa Consellería de Educación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Potección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), na modalidade de persoas ou organizacións que promoven e difunden o dereito fundamental á protección de datos persoais entre o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e contribúen a conciencialo sobre o valor da privacidade e o uso responsable da información de carácter persoal, tanto propia como de terceiras persoas, en internet.

A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas. “Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente, Fernando Suárez–.

Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

12.000 menores participaron desde 2010 en “Navega con Rumbo”

O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/). 

Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.

No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.

Actividades en relación á protección de datos

Cada ano o CPEIG conmemora o 28 de xaneiro o Día da Protección de Datos, difundindo unha serie de recomendacións para a poboación en xeral e os escolares en particular. O Colexio considera fundamental que a sociedade galega, así como a comunidade educativa, tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos de carácter persoal e da privacidade, e sexan conscientes das oportunidades e riscos de internet.

Nesta liña, o CPEIG tamén convoca, xunto á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o “Concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos” o mesmo día da efeméride. Con xa tres edicións ás costas, o certame está dirixido a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de toda a Secundaria.

Tamén o CPEIG aposta por impartir charlas itinerantes en diferentes concellos de Galicia sobre a internet segura e protección de datos persoais para menores. En concreto, en 2019 ofreceu conferencias en concellos da área metropolitana de Vigo, e outras con motivo do “Día da Internet Segura” en varias aulas CeMIT de concellos eminentemente rurais, como mostra de compromiso do CPEIG para colaborar na eliminación da brecha dixital e na igualdade de oportunidade no ámbito dixital. Asistiron un centenar de menores, proxenitores, docentes e responsables públicos. 

Tema: Xeral
Fonte: CPEIG
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal