Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Rapaces nun obradoiro de Crea R.

Crea R chega ao seu broche final en Santiago, logo de levar a robótica a un milleiro de rapaces

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 12/12/19 (08:15)

Os obradoiros itinerantes da operadora R, os obradoiros Crea R, van recalar este sábado 14 de decembro en Santiago, e farano en colaboración con APD e Líbolis, achegando unha nova actividade divulgativa e participativa sobre robótica (para peques) e máis unha charla didáctica sobre Internet e as novas tecnoloxías (para adultos).

No taller, programado para a Cidade da Cultura, as nenas e nenos da cidade poderán potenciar a súa creatividade e facer voar o seu espírito emprendedor, ao tempo que adquiren nocións básicas sobre programación da man da escola de emprendemento xuvenil Líbolis. A sesión terá un formato didáctico á par que divertido, sendo o obxectivo contribuír a que as rapazas e rapaces saiban o doado que é pasaren de simples usuarios de tecnoloxías a facelas elas/eles mesmos. Entre as cousas concretas que poderán facer atópanse un coche de plastilina condutiva con luz propia, unha maqueta urbana na que se incluirá un semáforo programado por eles/as mesmos/as, ou mesmo unha barreira de acceso tamén dentro dunha maqueta. A cita será na Biblioteca e Arquivo de Galicia (salas I e II), na Cidade da Cultura (Monte Gaiás s/n, 15707 Santiago) onde se desenvolverá, de 11:00 h a 13:00 h este obradoiro para un máximo de 30 cativas/os. A sesión completarase cun recanto para os maiores: no mesmo edificio, as nais, os pais e as docentes poderán recibir consellos dun pedagogo especializado, que lles resolverá dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer de internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. “A través de casos prácticos e de dinámicas”, sinala R, “pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas débeselle pór ao uso das pantallas”. Asemade, falarase da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todas/volo cambio dixital.

Pilotando a sesión, pensada para un máximo de 40 persoas, contarase coa presenza dun experto de Sherpa Dixital, que tentará guindar luz a esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova. Tanto as charlas coma os obradoiros Crea R están abertos ao público xeral, clientes e non clientes do operador galego. Son actividades de balde pero en ambos os dous casos o aforo é limitado. Para máis información creaR@mundo-r.net. A acción de Crea R en Santiago ponlle o broche final a un ano de actividade deste programa educativo abeirado á iniciativa DigiTalent de AMTEGA e que, dende o inicio da súa andaina, ten chegado xa a 40 localidades das catro provincias galegas. Ao longo do presente 2019 puideron desfrutar de Crea R arredor de 1.000 nenos e nenas e uns 400 adultos/as.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal