Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Anciá usando un smartphone.

Vilagarcía lanza un obradoiro para introducir nas TIC ás persoas maiores

Versión para impresiónSend by email
Vilagarcía de Arousa, 21/11/19 (07:54)

A Área de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha una nova acción formativa para facilitar tirar abaixo as barreiras que separan ás veciñas e veciños de máis de 60 anos das vantaxes e posibilidades informativas e comunicativas das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC). O departamento que dirixe Tania García organiza un curso sobre o uso do móbil e o computador coa intención de que a xente de idade poida “sacar o máximo rendemento aos seus dispositivos para a realización de tarefas cotiás”. O obxectivo: contribuír a romper a brecha dixital que afecta especialmente a este sector da poboación. O curso é de balde e as/os interesados poden inscribirse xa nas dependencias da Concellería.

Segundo informa a Área de Maiores, a través deste obradoiro as persoas asistentes aprenderán cuestións básicas sobre o uso dos seus dispositivos móbiles, que lles permitirán relacionarse e comunicarse a nivel persoal e coas administracións, así como realizar trámites relacionados co ocio ou a vida cotiá, como comprar unha entrada para ir ao cine por Internet ou pedir a compra a domicilio a un supermercado. “No curso aprenderán cousas tan sinxelas como axustar o volume do teléfono, usalo para escoitar a radio, empregar os auriculares, gardar números na axenda e a comunicarse por mensaxe ou a través do servizo Whatsapp”, explica a Concellería, engadindo que tamén se achegarán recursos para a identificación de iconas, o acceso á Rede ou para sacar, gardar e enviar fotos e audios. O obradoiro tamén fará unha introdución ao uso do computador para que os maiores “saiban abrir e usar unha conta de correo electrónico, usar os buscadores de Internet para procurar información, e mesmo facer algún trámite online, como pedir cita no médico”.

O curso comeza o 25 de novembro e se impartirá no Auditorio en horario de mañá en días alternos do 25 de novembro ao 20 de decembro. Os interesados poden inscribirse nas dependencias da Concellería ata o día 22 de novembro ou ata que se cubran as 20 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orden de inscrición.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal