A empresa tecnolóxica galega SIVSA vén de desenvolver unha innovadora plataforma tecnolóxica que marca un antes e un despois no ámbito da saúde e a atención psicolóxica. Segundo informan fontes da firma con sede principal en Vigo, trátase dunha ferramenta pioneira de apoio ás decisións médicas que tira proveito dos datos clínicos e das terapias con serious games. É especialmente indicada para clínicas psicolóxicas, psiquiátricas ou de xeriatría. En palabras de SIVSA, “abre novas vías de tratamento que incorporan os beneficios da tecnoloxía ás terapias”.
Segundo explica a empresa galega, a capacidade da plataforma para mellorar a calidade de vida das persoas con doenzas psicolóxicas ou cognitivas quedou demostrada durante o seu desenvolvemento, ao abeiro do proxecto Gamapea, no que demostrou a súa eficacia na aplicación de xogos serios na prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a adopción de hábitos de vida saudables. “Os resultados obtidos”, engade SIVSA, “abren novas vías de tratamento en especialidades como a psicoloxía, a psiquiatría ou a xeriatría, e certifican os beneficios de incorporar novas tecnoloxías ás terapias”.
En termos máis concretos, a solución tecnolóxica integra resultados de probas médicas e diagnósticas, que pode cotexar cos datos extraídos de dinámicas de xogos serios aplicadas en pacientes. “Isto permite ao profesional sanitario avaliar, realizar un seguimento e comprobar como reacciona un paciente ao tratamento prescrito para adoptar as melloras ou axustes necesarios”, explica SIVSA, engadindo que o sistema tamén “posibilita acceder en tempo real aos datos clínicos, as 24 horas do día, desde calquera dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet, facilitando a toma de decisións ao dispor dos datos aloxados e centralizados nun mesmo recanto”.
Como dixemos, a plataforma foi desenvolvida como parte do proxecto Gamapea, que promove o envellecemento activo a través de terapias cognitivo-conductuais, e impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Imatia, a Fundación Ramón Domínguez e Gradiant.
As súas funcionalidades foron probadas durante o estudo clínico do proxecto, desenvolvido pola USC nun centenar de pacientes galegos de máis de 45 anos, que foron sometidos a terapias a través dun videoxogo baseado no Camiño de Santiago, lográndose, en palabras de SIVSA, “un éxito sen precedentes en canto a resultados e un alto grao de adherencia, con tan só tres abandonos, un feito insólito neste tipo de investigacións e atribuible á atractiva temática e estrutura do xogo”.
Os pacientes foron divididos en dous grupos: intervención e control. No primeiro, recibiron un programa psicolóxico cognitivo-conductual a través do videoxogo cunha app complementaria, que propuña tarefas para practicar habilidades na vida real. No grupo de control, por outra banda, só se lles facilitou información sobre o envellecemento activo a través dunha aplicación informática. “A melloría nos pacientes do grupo de intervención tratados co videoxogo foi moi superior aos que pertencían ao grupo de control que non o empregaron na súa terapia”, explica SIVSA, engadindo que “os primeiros experimentaron melloras en todos os parámetros estudados (habilidades sociais, hábitos de sono, capacidade para detectar pensamentos positivos, memoria, etc.)”.
Rexístrate como: