Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da iniciativa.

Executivas e a Deputación de Lugo retoman en Monforte a súa visualización do talento feminino

Versión para impresiónSend by email
Monforte de Lemos, 08/11/19 (17:01)

Monforte retoma este luns o programa Referentes Galegas nas Aulas, impulsado conxuntamente pola Asociación de Executivas de Galicia e a Deputación de Lugo. Trátase dun proxecto que xorde da necesidade de mostrar ante as novas xeracións (e ante as non tan novas tamén) as importantes contribucións femininas á ciencia, á tecnoloxía e ao emprendemento nas súas moitas manifestacións ao longo da historia.

Búscase, polo tanto, fomentar as vocacións STEM entre as mozas, poñendo o foco no alumnado da ESO, FP e Bacharelato da provincia. Deste xeito, o programa Referentes Galegas nas Aulas visualizará ante as mozas e mozos mulleres con nomes e apelidos sobranceiras nos seus ámbitos innovadores. Pilar García Porto, voceira socialista do Goberno da Deputación, destacou hoxe que a devandita é unha iniciativa “que promovemos dentro do noso firme compromiso para lograr o empoderamento da muller e a igualdade”, facendo fincapé no convencemento da entidade provincial acerca do potencial da iniciativa para “achegar ás novas xeracións diferentes testemuños de mulleres que son referentes, exemplos a seguir nos seus ámbitos profesionais”. O programa de encontros retomarase o vindeiro luns, ás 13.15 horas, no IES A Pinguela de Monforte, ao que asistirá a directora técnica na área de servizos e aplicacións do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, Antía Fernández López, e a formadora e consultora en desenvolvemento do talento, Gloria Santamaría Martínez. Hai programadas outras seis visitas antes de final de ano en centros de toda a provincia e en total serán 14 encontros aos que asistirán preto de 700 alumnos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal