Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Máis de medio cento de escolares, docentes, nais e pais asistiron ao V Scratch Day

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 27/10/19 (08:43)

Un grupo de máis de medio cento de persoas, entre escolares, docentes, nais e pais participaron onte no V Scratch Day, unha iniciativa do CPETIG coa colaboración da AMTEGA, dirixida a escolares de entre 7 e 15 anos, que asistiron acompañados de nais ou pais, para aprender a programar co seu ordenador. Foi unha sesión práctica, no hotel Los Abetos de Compostela, na que houbo aprendizaxe e entretemento, complementada cun taller dirixido ao profesorado no que participaron unha ducia de docentes.

A presenza na actividade de nais, pais e docentes ten como finalidade que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade tanto nos fogares como nas aulas.

A actividade foi impartida por Rockbotic Galicia, unha empresa de robótica educativa que introduce aos escolares na programación e ao profesorado nas destrezas necesarias para utilizar o Scratch nas aulas con todas as súas posibilidades e facer as clases moito máis creativas. Como novidade sobre anteriores edicións, os escolares traballaron esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.

O interese das nenas pola programación: superando estereotipos

O Scratch Day chegou onte á súa 5ª edición co obxectivo de difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares acceden ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade e o emprendemento e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.

A numerosa presenza de nenas nesta actividade pon de relevo que iniciativas como esta, desenvolvida polo CPETIG, contribúen a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, á vez que se difunden as posibilidades que ofrecen as TIC no eido educativo e se reduce a fenda dixital de xénero.

Tema: Xeral
Fonte: CPETIG
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal