Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Discos duros nun rack.

A Amtega pon en marcha a terceira edición do programa “Tecnólog@ por un día” con máis de 70 prazas para estudantes de 12 a 17 anos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/10/19 (07:45)
  • Os participantes compartirán unha xornada de traballo con profesionais dalgunha das 12 empresas tecnolóxicas que colaboran na iniciativa
  • O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de novembro para que os docentes dos centros educativos poidan inscribir aos seus alumnos e alumnas
  • Os máis de 100 rapaces e rapazas que participaron nas edicións anteriores valoran moi positivamente a iniciativa e recoméndana aos seus compañeiros
  • Para un de cada tres participantes esta iniciativa supuxo a primeira aproximación ás profesións dixitais
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do programa “Tecnólog@ por un día”, que ofrece a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia. É unha das iniciativas do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent.
 
Esta terceira edición ofrece 74 prazas, unha cifra récord desde o seu lanzamento, grazas a colaboración de 12 entidades que, xunto coa Amtega, repetirán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, Coremain, DXC Technology, everis, Iecisa, Orange, Sivsa, Corporación Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos espacios, Sixtema e Tecalis.
 
Nesta nova quenda prestarase especial atención a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM, reservando un terzo das prazas para as nenas.
 

Máis prazas, máis tecnólog@s

Ata o 8 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas por cada empresa colaboradora así como a súa localización, indicando as preferencias do alumnado. 
 
Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
 
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos. 
 
Durante os meses de novembro e decembro as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes co fin de mostrarlles as dinámicas das profesións TIC, aclarar as súas dúbidas vocacionais e ofrecerlles a oportunidade de participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
 

Valoración da iniciativa entre os máis novos

Ata o de agora o programa espertou o interese de máis de 300 estudantes e contou coa implicación de máis de 70 docentes de máis de 60 centros educativos galegos distintos.
 
Os máis de 100 participantes nas edicións anteriores tiveron a oportunidade de mergullarse en proxectos tecnolóxicos de selo galego en sectores e ámbitos como a administración, o retail, a industria ou o transporte, entre outros. Destaca o nivel de satisfacción acadado coa actividade por parte do alumnado, que o consideran unha experiencia moi enriquecedora e destacan tanto a boa acollida como o ambiente de traballo como aspectos máis positivos.
 
A maioría dos participantes (94%) volvería a ser tecnólogo por un día e a práctica totalidade (98%) recomendaría a experiencia a outros compañeiros. Cabe destacar que para un de cada tres participantes esta iniciativa supuxo a primeira aproximación ás profesións dixitais xa que non coñecían a ninguén que traballase neste eido.
 

Nova edición de DigiTalent

Para este curso 2019/2020 púxose en marcha recentemente a segunda edición do Plan DigiTalent, co que se desenvolverán 37 iniciativas para impulsar as vocacións tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital.
 
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, que ofrece información actualizada (datas, localizacións e instrucións para a participación) sobre as actuacións.
Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal