Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Até 60 persoas participarán este sábado no quinto Scratch Day do CPETIG

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 25/10/19 (12:07)

Arredor de 60 persoas, entre escolares e adultos, van participar este sábado na quinta edición do Scratch Day que organiza novamente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), no Hotel Los Abetos de Compostela. A cita, que se convoca en colaboración con AMTEGA, será unha oportunidade inmellorable para que a nosa rapazada de entre 7 e 15 anos aprenda a programar co seu ordenador.

Para acadado, mostraranse aos participantes as utilidades de Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir ás nenas e nenos nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico). Segundo informa o CPETIG, trátase dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar”.

A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado. Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes (que deben levar ordenador portátil) traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos. O V Scratch Day ten como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”. 

A maiores, o CPETIG pretende que “esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero”. Máis información e inscricións en http://scratchday.cpetig.gal.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal