Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo BISITE

O grupo BISITE desenvolve decenas de proxectos de intelixencia artificial

 



  • A intelixencia artificial está moi relacionada coa busca de ferramentas que faciliten a asistencia sanitaria ou 'healthcare', especialmente no caso de persoas maiores.

  • O proxecto AZTECA, en colaboración coa empresa Indra, conseguiu crear un ámbito de traballo para a inserción laboral de discapacitados nunha oficina co apoio da tecnoloxía. 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/05/13 (10:34)

Máis de 500 asistentes de todo o mundo teñen participado nestes días no congreso internacional '11 th International Conference on Practical Applications of Agents and multi Agent Systems' (PAAMS'13), celebrado en Salamanca. O obxectivo que os une é aplicar a intelixencia artificial e a informática distribuída a todos os campos do coñecemento posibles: a Bioloxía, a Biotecnoloxía, os sistemas de intelixencia ambiental que facilitan a vida ou os sistemas de aprendizaxe, que en moitos casos se orientan a persoas con minusvalidez.


O grupo BISITE da Universidade de Salamanca, organizador desta encontro anual, está formado por 45 persoas que traballan en 60 proxectos de investigación e deles máis da metade corresponden a colaboracións que os unen a países como Taiwán, Corea do Sur ou Catar. Juan Manuel Corchado, director do grupo BISITE e decano da Facultade de Ciencias da institución académica salmantina explicou en declaracións aos medios de comunicación recollidas por DiCYT que a través deste encontro, que atrae figuras internacionais moi destacadas no campo da intelixencia artificial, o seu equipo aspira a iniciar aínda máis proxectos tecnolóxicos en diversos campos. 


Entre as iniciativas que os especialistas salmantinos presentaron neste congreso está o proxecto AZTECA, en colaboración coa empresa Indra, que conseguiu crear un ámbito de traballo para a inserción laboral de discapacitados nunha oficina co apoio da tecnoloxía, por exemplo, para manexar un punteiro coa cabeza ou con sistemas para guiarse dentro do edificio.


Esta iniciativa xa foi desenvolvida e acaba de ser presentada ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), mentres que outras están en pleno desenvolvemento, como un proxecto con INSA de computación en nube para a localización de persoas a través do móbil en todo tipo de eventos, escenarios ou situacións de emerxencia grazas a unha rede que conecte calquera tipo de sinal: wifi, Bluetooth, Zigbee, GPS, GSM, etcétera.


En xeral, o seu traballo é resolver a través da tecnoloxía problemas de actualidade: distribución eléctrica, cidades intelixentes ou monitorización de persoas dependentes.


Agora, este grupo de investigación da Facultade de Ciencias vai intentar desenvolver xunto á Universidade de Osaka outro tipo de tecnoloxía, que podería servir para que os paneis solares fosen máis eficientes. A idea é crear un sistema para recubrir estas placas de forma que non os pegue o po ou outro tipo de sucidade, como os excrementos de animais, ou mesmo que repela a chuvia. Trataríase dunha solución electroquímica que permitiría incrementar notablemente o aproveitamento da luz do sol como fonte de enerxía. 


Bolsas de leituga 'intelixentes'


O responsable do equipo da Universidade de Osaka que participará nesta iniciativa é Sigeru Omatu, que tamén está estes días en Salamanca e que explicou outras das súas liñas de investigación. O seu grupo forma parte dun gran proxecto de investigación que trata de reconstruír un cerebro humano con todas as súas funcións. Cada un dos equipos de investigación traballa en aspectos moi concretos e, no seu caso, ocúpase do sentido do olfacto. Na práctica, isto significa que desenvolven tecnoloxía capaz de analizar, en función das partículas que detecta, se un produto é fresco ou está contaminado. As posibilidades deste tipo de sistemas son innumerables. Por exemplo, incorporar sensores ás bolsas nas que se vende a leituga de maneira que a propia bolsa indicase se o produto segue sendo fresco ou non.


Pola súa banda, o presidente do Comité Científico deste evento, Toru Ishida, destacou a importancia de analizar de forma automática grandes cantidades de datos, o que se coñece como Big Data. Neste sentido, o seu traballo na Universidade de Kioto (Xapón) céntrase no lugar que na actualidade contén máis información: internet. Outro aspecto ao que fixo referencia este experto son os robots que pretenden imitar o comportamento humano. Na actualidade, o obxectivo dos investigadores é integralos na vida cotiá. 


Calidade de vida


Esta tecnoloxía está moi relacionada coa busca de ferramentas que faciliten a asistencia sanitaria ou 'healthcare', especialmente no caso de persoas maiores. A intelixencia artificial tamén xoga un papel esencial, segundo sinalou o estadounidense Michael Huhns, da Universidade de Carolina del Sur. Na súa opinión, os "axentes e sistemas multiaxentes" son esenciais para mellorar cuestións relacionadas coa distribución: dende a enerxía á seguridade, pasando pola economía, o medio ou a saúde. "É necesario investigar máis para lograr ferramentas útiles para mellorar a calidade de vida", afirmou.


Nunha liña similar, Katsutoshi Yada, da Universidade Kansai de Osaka (Xapón) traballa en como manexar a información macroeconómica con técnicas de intelixencia artificial.


Importantes eventos


PAAMS'13 é unha cita que aglutina temas diversos e que se celebra cada ano en Salamanca, gañando cada vez unha maior dimensión, de maneira que este ano se trasladou ao Pazo de Congresos de Castela e León, onde se celebran diversas sesións de forma simultánea. Este marco servirá tamén de preparación de futuros grandes encontros relacionados coa intelixencia artificial e a informática distribuída. O máis próximo é o que organizará a OTAN en outubro, pero en 2014, 2015 e 2016 xa está prevista a celebración de grandes eventos deste campo do coñecemento na capital salmantina, grandes congresos que nalgún caso atraerán máis de 2.000 asistentes. "O noso obxectivo é que se coñeza o noso traballo a nivel internacional", afirmou Juan Manuel Corchado. 

Tema: Xeral
Fonte: DiCYT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal