A secretaría xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuníronse hoxe na Coruña con organizacións, asociacións e entidades do sector da dependencia, xunto con federacións e colexios profesionais de ámbito autonómico, para presentarlles as case 400 propostas que recolle a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, horizonte 2020.
O Goberno galego deu luz verde recentemente a este documento, que está deseñado cun carácter transversal e que ten como principal obxectivo alongar a autonomía persoal dos galegas e das galegas. Coa aprobación do mesmo,Galicia converteuse en “pioneira” á hora de establecer unha guía de actuación nesta materia, segundo salientou Piñeiro. “Trátase de dar un salto cualitativo: pasar da atención asistencial e de rehabilitación, á prevención e detección”, subliñou.
Para a elaboración do plan creáronse 8 grupos de traballo formado por distintos departamentos da Xunta e por entidades representativas do sector (de maiores, de persoas con discapacidade, colexios profesionais, FEGAMP, axentes sociais, ou institutos de estudos).
A estratexia establece 6 áreas de actuación, 28 obxectivos e 392 propostas de actuación. Estímase que co aplicación das súas orientacións máis de 4.000 galegos e galegas conseguirán previr a dependencia ata 2020.
As seis áreas principais de actuación son: educación e concienciación da cidadanía; contribución ao aumento da esperanza de vida libre de dependencia; mellora do diagnóstico e da calidade de vida das persoas con dependencia moderada; apoio ás familias e estímulo da participación cidadá; investigación e innovación para ampliar a vida saudable e autónoma das persoas; e a mellora continua dos recursos dedicados á prevención.
As recomendacións céntranse en orientar a organización e funcionamento dos distintos servizos (sociais, sanitarios e educativos), co fin de mellorar as condicións da vida das persoas en materia de saúde, ao tempo que se prevén os factores de risco e se camiña cara a atención integral.
A secretaria xeral avanzou tamén que a estimación é que cada euro investido en prevención xere unha diminución do gasto destinado á súa atención de 129 euros anuais.
Como actuacións destacadas, a responsable autonómica fixo fincapé no impulso da coordinación sociosanitaria, na que xa se teñen dado pasos a través, por exemplo, do Plan marco ou da estratexia de cronicidade; nas novas tecnoloxías, para continuar avanzando en sistemas de teleasistencia avanzada como o Miavizor; ou o establecemento de programas para facilitar o intercambio e préstamo de axudas técnicas entre as persoas usuarias.
Necesidade da estratexia
Piñeiro contextualizou a necesidade desta estratexia á hora de mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas; e no feito de que a propia Lei de dependencia inclúe a prevención.
Fixo referencia tamén ao gradual envellecemento da poboación galega, que fai “aínda máis necesaria” esta iniciativa. Así, segundo as previsións, a poboación galega caerá no período 2010-2020 nun 1,95 por cento. Sen embargo, neste tempo o único tramo de idade que aumentará será o dos maiores de 65 anos, que medrará nun 3,35 por cento; e se se colle como referencia á poboación con dependencia, esta aumentará nun 8,14 por cento.
Rexístrate como: