Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

A Deputación da Coruña súmase ás celebracións da Semana Europea da Ciberseguridade

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 09/10/19 (12:38)

Rematou o verán e o traballo incansábel para acadarmos unha información e unhas comunicacións máis e mellor protexidas, ao tempo que accesibles, entra nun relevante pico de actividade. Neste pico insírese unha das novas iniciativas de Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, que organiza durante os meses de outubro e novembro a acción Eu♥Ciberseguridade, no marco da Semana Europea da Programación #CodeWeek, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea dentro do Plan de Acción de Educación Dixital e da estratexia para construír un mercado único dixital.

Ao abeira da adhesión de Europe Direct á campaña #CodeWeek, a entidade organizará unha serie de obradoiros e charlas de sensibilización sobre o uso seguro e responsable das TIC. Os obradoiros están dirixidos a un público novo, con idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos, e terán dúas edicións. A primeira edición celebrarase os venres 18 e 25 de outubro en horario de 17:30 a 19:30 h. A segunda edición realizarase os venres 8 e 15 de novembro, no mesmo horario. A través desta actividade os mozos “aprenderán a identificar contidos falsos, coñecerán os ciberataques e estafas online máis empregadas na actualidade e saberán xestionar correctamente a privacidade e a súa reputación dixital”.

Pola súa banda, as charlas para adultos, diríxense a pais, nais ou outros familiares do alumnado participante, educadores e técnicos de información xuvenil, co obxectivo de que poidan acompañar aos menores no seu contacto diario coas tecnoloxías TIC. Así, informan a Deputación, “coñecerán ferramentas para o seguimento da actividade dos menores, métodos de defensa fronte a virus e fraudes, ou como reaccionar tras un ataque á seguridade”. A primeira celebrarase o 25 de outubro de 2019, en horario de 17:30 a 19:30 h, e a segunda xeira será o 15 de novembro de 2019. As actividades impartiranse na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rúa Rego de Auga 37, A Coruña).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal