Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mans de muller sostendo un smartphone e dúas tarxetas de crédito.

UCGAL e Igualdade achegan obradoiros para formar ás mulleres do rural en tecnoloxías financeiras

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/09/19 (12:46)

Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de pór en marcha un programa formativo de empoderamento tecnolóxico-financeiro para as mulleres do noso rural, e faino en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. Os obradoiros impartiranse en oito concellos galegos (Moaña, A Estrada, Ordes, Boiro, Monforte de Lemos, Monterroso, O Carballiño e o Barco de Valdeorras) entre finais do mes de setembro e mediados de novembro. Nos cursos introducirase ás asistentes en cuestións como os usos e posibilidades da banca electrónica ou o ecommerce. A idea é achegar formación axeitada para compensar a progresiva desaparición da banca tradicional.

En palabras da UCGAL, a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica constitúe un xeito de “combater a fenda dixital”, fomentar a capacitación financeira e a autonomía económica “nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe de maneira progresiva e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día”.

Entre os obxectivos destes obradoiros está o seguinte: que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e, a maiores, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos. UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca tamén “facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a Sociedade da Información”. Na actividade, achegando recursos prácticos e coñecemento, participarán un completo equipo de instrutoras e instrutores con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo. As actividades levaranse a cabo nas aulas CeMIT dos devanditos concellos e a súa duración será de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.

O obradoiro de Moaña levarase a cabo o 24, 25 e 30 de setembro e o 1 de outubro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O da Estrada será o día 30 de setembro e o 2, 7 e 9 de outubro en horario de 10.30 a 12.30 horas. O obradoiro de Ordes é de 17.00 a 19.00 horas, os días 1, 3, 15 e 17 de outubro. O de Monforte celebrarase en horario de 17.00 a 19.00 horas, os días 7, 9, 14 e 16 de outubro. O curso do Barco de Valdeorras desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas, os días 18, 21, 25 e 28 de outubro. O do Carballiño é os días 18, 21, 25 e 28 do mesmo mes, en horario de 16.30 a 18.30 horas. O de Boiro desenvolverase en horario de 17.30 a 19.30 horas, o 23, 24, 30 e 31 de outubro. O de Monterroso celebrase xa en novembro, os días 5, 6, 12 e 13 dese mes, en horario de 16.00 a 18.00 horas.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal