Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Ponteareas remata o verán cun amplo programa de formación laboral e tecnolóxica

Versión para impresiónSend by email
Ponteareas, 19/09/19 (12:31)

O Concello de Ponteareas organiza esta tempada un completo programa de actividades formativas innovadoras, destinadas todas elas a mellorar a empregabilidade e os currículos da veciñanza. Neste feixe de obradoiros sitúase Crea o teu futuro, mocidade creativa e marca persoal, que comeza este venres 20, que aínda ten prazas libres e que se dirixe a achegar á xuventude metodoloxías para darse impulso no mercado laboral. Amais, haberá seis novos cursos na aula CeMIT local: sobre iniciación á informática para maiores, sobre Internet (procura de información), sobre uso básico de teléfono móbil, sobre procesadores de textos, sobre creación de presentacións e sobre mantemento básico do computador.

Volvendo ao obradoiro Crea o teu futuro, vén da man da Concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó e desenvolverase na sala multiusos do Auditorio Municipal. Diríxese, como dixemos, a ofrecer á mocidade ferramentas que “promovan a súa proxección persoal e completen a formación regrada facilitando a inserción laboral”.

Este obradoiro, nun plano máis detallado, fornecerá ás mozas e mozos de recursos para desenvolveren proxectos e para a elaboración de itinerarios que incrementen os seus niveis de eficacia e eficiencia a nivel profesional e persoal. Outra finalidade que persegue é “potenciar unha actitude emprendedora e resolutiva ante os problemas e os obstáculos que se lles poidan presentar”.

Polo que se refire aos cursos da aula CeMIT, están organizados pola Concellería de Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez. Trátase de media ducia de actividades formativas de balde, que están neste intre abertos á participación da cidadanía. Todos e todas as interesadas poderán achegarse ata a aula CeMIT para inscribirse ou contactar no número de teléfono 673 794 88 ou no enderezo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal