Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
App de sendeirismo.

A mocidade da Laracha experimentará coas aplicacións para sendeirismo

Versión para impresiónSend by email
A Laracha, 30/08/19 (08:27)

Co remate do verán, o Concello da Laracha vai organizar unha actividade formativa que quere pór de manifesto o potencial de coñecemento e divulgación das novas ferramentas dixitais en materia de medio natural. A actividade desenvolverase entre os días 13 e 15 de setembro e, segundo informa o departamento local de Xuventude, “centrarase na dinamización e posta en valor do patrimonio natural a través das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías”. Estará aberta á participación de mozas e mozos de entre 14 e 30 anos, podéndose inscribir de balde no Concello até o 6 de setembro. 

En temos concretos, trátase dunha experiencia práctica de lecer formativo nas Fragas do Eume, onde se levará a cabo un completo programa de rutas e xogos, poñendo o foco nos beneficios de traballar colectivamente. A folla de ruta inclúe formación nas posibilidades de varias ferramentas TIC, como por exemplo Wikiloc, a aplicación referencial para os sendeiristas, moi acaida para almacenar e compartir roteiros ao aire libre xeorreferenciadas e puntos de interese de todo o mundo. A experiencia virá acompañada, tamén, dun concurso de fotografía natural no que os participantes poderán subir imaxes á conta Instagram @xuventudedalaracha. As tres contribucións que reciban maior número de gústame serán as gañadoras. Haberá cámaras deportivas a xeito de premio. 

A iniciativa vén da man do Concello da Laracha en colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal