Este mes de xullo remataron en Carballo os cursos de manexo do teléfono móbil impartidos pola Cruz Vermella e organizados polo Concello. Nas actividades, que remataron na parroquia de Ardaña (coa presenza do concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo), participaron 280 persoas. Amais de en Ardaña, houbo actividades formativas en Vilela, Sofán, Sísamo, Rus, Lema, Entrecruces, Noicela, Cances, Artes e Carballo. Os 280 participantes repartíronse nunha vintena de grupos.
Na xornada de peche, o Concello agradeceu a colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella, que se encargou de preparar os manuais que se entregaron a todos/as os/as participantes, de formar ás monitoras e de impartir os obradoiros. Tamén se enxalzou a elevada implicación dos consellos parroquiais e do movemento asociativo das diferentes localidades do termo municipal para achegar a información á veciñanza, recoller as follas de inscrición e ter a punto os locais sociais. Os talleres de manexo do teléfono móbil constaron de tres sesións de dúas horas de duración cada unha, que se impartiron todos os martes e os xoves (agás festivos) dende o 7 de febreiro ata este mes de xullo. Ao abeiro destes obradoiros, o Concello quixo permitir aos maiores familiarizarse coas novas tecnoloxías de uso cotiá e cada vez máis estendido entre persoas de todas as idades.
Rexístrate como: