Elli-Q é un robot desenvolvido para acompañar a persoas maiores no seu fogar e axudarlos tanto na súa autonomía, como na súa comunicación cos seus seres queridos, o seu tempo de lecer e para manterse activos.
Trátase dun pequeno robot e unha pantalla coa que as persoas maiores interactúan con total naturalidade, grazas á aplicación da tecnoloxía de intelixencia artificial, e que se converte no centro de comunicación e entretemento no fogar.
A través de Elli-Q os usuarios reciben e mandan mensaxes dos seus familiares e amigos, escoitan música, entretéñense ou piden axuda en caso dunha emerxencia.
O robot aínda non está dispoñible comercialmente, pero xa se poden facer reservas a un prezo de 1.500 dólares. E si, falamos de dólares porque, de momento, a opción de facer unha reserva só está dispoñible en Estados Unidos.
Este robot é unha mostra clara do avance nunha das liñas máis interesantes que ofrece a intelixencia artificial tanto para persoas maiores como para persoas con discapacidade, que é a de facilitar a súa comunicación co mundo que os rodea e axudalos na súa autonomía.
Eses dous alicerces do futuro avance da tecnoloxía concéntranse en Elli-Q dunha maneira moi amigable en forma dun entrañable robot que se converte nun compañeiro máis do usuario.
Neste tipo de casos sempre hai dous factores que provocan certas reticencias nos usuarios, que son a seguridade e a privacidade da información que solicita esta tecnoloxía.
Neste caso, os creadores de Elli-Q aseguran que incorporaron sistemas de seguridade punteiros no sector para garantir a seguridade dos datos, e comprométense a nunca vender os datos e a información que o dispositivo almacena e que utiliza para mellorar a experiencia do usuario aprendendo dos seus gustos e preferencias.
Rexístrate como: